A mostra fotográfica ‘Os que habitan’, de Eva Díez, no Centro Cultural ‘Marcos Valcárcel’

Presentacion.expo.eva.diaz.02

 

A fotógrafa viguesa Eva Díez (1982) inaugura esta tarde, ás 20.15 horas, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense a exposición “Os que habitan”, enmarcada na sección oficial do “Outono fotográfico” 2014 e na que os espectadores poderán visionar  un total de 16 obras de gran formato realizadas con animais tendo como escenario casas abandonadas de Galicia. O acto de presentación da mostra contou coa presenza da artista, acompañada polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director do “Outono fotográfico”, Xosé Lois Vázquez, e o director do Centro Cultural, Francisco González.

“Os que habitan”, en palabras de Eva Díez, “é unha exposición que amosa a beleza que aínda podemos extraer das casas abandonadas, uns espazos que agochan vivencias, imaxes e lembranzas doutro tempo que están a medio camiño entre o onírico e o real, e tamén representan o ser interior, a alma”. O feito de incorporar animais como mouchos, bolboretas, caracois, paxaros ou camaleóns nas fotografías “nace da idea de que os animais son a máscara do ser humano e representan a parte máis instintiva del”, explica a creadora. Díez defende que a foto “é de quen a observa”, e afirma que dende o momento no que está exposta “xa non me pertence, porque gústame que o público interactúe coa imaxe e participe dese xogo de simbolismo e proporcións”.

Pola súa banda, Rosendo Fernández destacou a importancia que ten un festival como o “Outono fotográfico” “porque permite traer a Ourense verdadeiras obras mestras de novos creadores, como Eva Díez, e tamén de artistas consolidados, algo para o que poñemos a disposición sen dúbidas o mellor espazo expositivo da provincia de Ourense”.

Xosé Lois Vázquez subliñou que o “Outono fotográfico” conta este ano con 23 exposicións na sección oficial e cun total de 121 mostras que se repartirán por 32 localidades, destacando o aspecto temático desta edición, “que muda o feito de visualizar fotografías dende o mero acto compulsivo a un acto reflexivo, cousa que acontece coa obra de Eva Díez, que se mostra á nosa vista tal cal, sen enganos”.

Finalmente, Francisco González dixo que esta é a primeiras exposición do “Outono fotográfico” e destacou “a importancia que está a ter a fotografía no ámbito artístico de hoxe en día como expresión plástica e coa chegada de novos creadores para quen o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” ofrece o seu espazo por ser eles quen máis necesitan de apoio por estaren no comezo das súas andainas profesionais”.

Eva Díez realizou o grao superior en Imaxe na Escola de Imaxe e Son de Vigo. Complementou os seus estudos formándose en Cine e nesta área realizou diversos obradoiros de autor de Dirección fotográfica e Cine documental. É a primeira vez que expón en Ourense.

 

También te podría gustar...