A modificación estatutaria do Consorcio Local dos Peares na comisión de Cooperación
- A comisión de Cooperación da Deputación de Ourense abordará a modificación estatutaria do Consorcio Local dos Peares
As comisións informativas da Deputación de Ourense celebran as súas reunións hoxe mércores e mañá no Pazo Provincial. Nas xuntanzas de hoxe celebraranse as comisións de cooperación, facenda e transparencia, sendo a quenda das de cultura, termalismo e igualdade, o xoves, 18 de febreiro.
Hoxe, na comisión de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural abordarase a modificación definitiva dos estatutos do Consorcio Local dos Peares conforme co acordo adoptado polo Consello Xeral do dito Consorcio o 28 de xaneiro de 2016. Unha vez examinado o acordo no que se propón a estimación das alegacións realizadas pola Asociación Veciñal «Asociación de Veciños sen Fronteiras», así como as observacións por parte da Dirección Xeral de Administración Local, estímase que a modificación se axusta a dereito, recolléndose as adaptacións necesarias ao establecido na Lei de racionalización e sostibilidade da administración local e así mesmo á Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público, que introduciu tamén algunhas modificacións legais en canto ao réxime de separación de entidades, liquidación e disolucións dos consorcios. En particular prevese a adscrición do Consorcio á Xunta de Galicia, ao ser esta a única entidade consorciada que ten competencias en todo o ámbito territorial do Consorcio. Asemade contémplase a simplificación dos procesos de separación e disolución dos Consorcios, así como a regulación do persoal.