A Misión USA-Ourense, ‘Ourense Líder’ e o ‘Campamento da Ourensanía’ centran a Xunta de Goberno
- «Campamento da Ourensanía», o programa «Ourense Líder» e a misión USA-Ourense, temas da Xunta de Goberno da Deputación
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada onte no Pazo Provincial aprobou a fixación de prezos públicos para o «Campamento da Ourensanía», a declaración da Fundación Advanced Leadership como entidade colaboradora para a xestión do Programa de bolsas «Ourense Líder», e unha axuda á delegación española desta fundación para a misión comercial USA-Ourense. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao luns 30 de maio.
No relativo aos prezos do «Campamento da Ourensanía», actividade dirixida ao público infantil e xuvenil que se realiza no verán no complexo turístico do Corgo, en Muíños, a Xunta de Goberno aprobou establecer o prezo de 88 euros en concepto de inscrición. Os campamentos desenvolveranse no mes de agosto en quendas de 7 días.
Durante a reunión ratificouse o convenio de colaboración asinado entre a Deputación de Ourense e a delegación da Fundación Advanced Leadership para a co-organización e co-financiamento do programa de bolsas «Ourense Lider», para o que o ente provincial aprobou unha axuda por importe de 103.000 euros.
Asemade a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 200.000 euros para a delegación da Fundación Advanced Leadership, para a misión comercial certificada polo departamento de comercio do goberno federal dos EEUU á provincia de Ourense.