‘A memoria do son’ en Sober

  • A exposición estará no Centro Sociocultural todo o mes de novembro 
  • O día 6 haberá unha presentación pública coa presenza de Efrén Castro e Luciano Pérez

 

Durante o mes de novembro o Concello de Sober contará cunha interesante exposición de instrumentos musicais medievais, ‘A memoria do son’. A mostra está organizada pola Colección de Instrumentos Musicais do Centrad (Lugo).

Aínda que a exposición se vai poder visitar dende o día 1 de novembro no Centro Sociocultural, haberá unha xornada de presentación pública o sábado día 6 de novembro que contará coa presenza de Efrén Castro, responsable de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, e Luciano Pérez, director do obradoiro de instrumentos e centro de documentación musical do Centrad da Deputación de Lugo.

A exposición

A exposición ‘A Memoria do son’ está destinada a contribuír nos avances e coñecementos da sonoridade instrumental e vocal medievais. Un espazo destinado ao pracer da vista, do oído, un espazo para tocar, escoitar e entender o contexto no que foron creados co fin de que a visita resulte máis atractiva e enriquecedora.

Proxectada con vontade divulgadora, permítelles traballar aos docentes diferentes competencias, desenvolvendo, á vez, sentimentos de pertenza e espertando o pequeno investigador que levamos dentro. É accesible a todo tipo de públicos: non especialista, universitario, músicos, mestres artesáns ou investigadores e ofrécenos a posibilidade de contemplar unha ampla representación dos instrumentos musicais máis populares en Europa, desde os albores do século XII ata finais do século XIII.

Precisamente, pensando no público non especializado, a mostra complétase con propostas interactivas e materiais lúdicos. Así, as persoas que a visiten poderán interpretar melodías de cantigas de Afondo X e  Martín Códax nun salterio. De cara ao público máis novo, ofrécense dous pasatempos -un crebacabezas e un encrucillado-  que incorporan os contidos da exposición de forma lúdica. 

A mostra inclúe unha giga, unha rota, unha cítola, unha viola de perna, unha viola de brazo, unha zanfona e un organistro, construídos a partir da documentación iconográfica e literaria conservada en pequenas igrexas, mosteiros e catedrais. Os fondos instrumentais complétanse con melodías accesibles, a través de códigos QR, proporcionando  a oportunidade de escoitar o son de cada un deles.

Outras actividades

Está previsto que ao longo do mes do novembro haxa máis actividades musicais en Sober. O día 20 en xornada matinal a Escola Municipal de Música organizará diversas actividades e, pola tarde, Xuventudes Musicais de Sober organiza un concerto da Soprano Míriam Tarragó acompañada ao piano por Carmen Santamaría.

 

También te podría gustar...