A maioría dos visitantes apoia a regulación do acceso ao Monumento Natural da Praia das Catedrais, que será efectiva desde o mércores
A maior parte dos visitantes da Praia das Catedrais apoia a nova regulación para o acceso a este monumento natural situado no concello de Ribadeo, que entrará en vigor o vindeiro mércores, 1 de xullo.
Esta é unha das principais conclusións extraídas das realizacións das enquisas o pasado mércores na propia praia por persoal da Xunta de Galicia. En concreto, a pregunta formulada foi se “considera oportuno que se limite o acceso?”. Ante esta cuestión, máis do 57% responderon que “si”, fronte ao 36,9% que “non” e houbo un 6% de enquisados que non se pronunciaron ao respecto, que constan como “non saben/non contestan”.
Ademais, case 2 de cada 3 visitantes enquisados manifestáronse coñecedores da inminente regulación, incluída dentro do Plan de Conservación deste espazo natural. En concreto, un 64% responderon afirmativamente á pregunta: “sabe que se vai limitar o acceso desde o 1 de xullo?
Trátase das primeiras conclusións extraídas das enquisas realizadas nos últimos días no propio espazo protexido. Ademais, desde o pasado 24 de xuño, guías do servizo de Conservación da Natureza tamén están a informar aos visitantes sobre o sistema de regulación de acceso que entrará en vigor o 1 de xullo, sobre outras posibilidades de visita pola zona, os horarios de preamar e baixamar que condicionan as horas máis recomendables de acceso, así como dos valores do medio que permitiron declarar como Monumento Natural este espazo da costa da mariña lucense.
Autorización sinxela e gratuíta
Hai que ter en conta que o sistema de acceso previsto consiste simplemente na obtención dunha autorización gratuíta, que poderá descargarse o mesmo día da visita mediante o teléfono móbil. Dese xeito, sempre que non estea completo o límite diario, os visitantes que cheguen ao Monumento Natural sen autorización previa poderán conseguila en poucos minutos a través da aplicación web https://ascatedrais.xunta.es, para o que, se o precisan, contarán con axuda dos guías da Xunta de Galicia.
A través dun procedemento áxil e sinxelo, calquera persoa que queira acudir a este espazo protexido, situado no Concello de Ribadeo, poderá reservar a súa autorización por internet cunha antelación máxima de 15 días e ata o mesmo día da visita.
Esta plataforma tamén proporciona información de interese sobre os horarios das mareas e as horas máis propicias para a visita, así como sobre o número de autorizacións aínda dispoñibles para cada día.
Ademais, cómpre destacar que todas aquelas persoas que acrediten o seu aloxamento nalgún local hostaleiro no concello de Ribadeo estarán autorizadas para acceder á Praia das Catedrais de forma automática, así como todos aqueles que se despracen en transporte público ao espazo protexido desde Ribadeo.