«A importancia etnográfica e de lecer de noso entroido», Baltar
- Manuel Baltar destaca «a importancia etnográfica e de lecer de noso entroido», no desfile infantil de Xinzo, que reuniu a 1.700 nenos
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe venres nos actos organizados polo Concello de Xinzo de Limia dentro do programa do «Entroido 2016». En concreto, hoxe tivo lugar a celebración do denominado «Venres infantil», con actividades para os máis pequenos, que inclúen desfiles, pasarrúas, concertos, xogos e festa nas diferentes rúas e na Praza Maior da vila limiá.
1.700 nenos déronse cita na primeira das actividades, o desfile, que se celebrou esta mañá, e no que o presidente do goberno provincial participou, xunto co alcalde de Xinzo, Antonio Pérez; a xefa territorial de Educación, Mercedes Gallego, autoridades dos municipios da comarca e membros do goberno local, así como integrantes de colectivos e asociacións da vila, no que foi o evento máis multitudinario organizado para o público infantil nestas festas do entroido de Xinzo de Limia, un tempo, segundo afirmou o presidente do goberno provincial «para o lecer, para compartir coa familia e cos amigos e para seguir mantendo viva unha das tradicións festivas e etnográficas máis importes da provincia de Ourense, como é o entroido».
O desfile, que por primeira vez se abriu aos demais concellos da comarca, comezou na rúa principal e rematou na Praza Carlos Casares, con charangas e comparsas. En total, ao redor de 4.000 persoas participaron no evento.