A guía que difunde e promove o fútbol ourensán
- O deporte afeccionado, protagonista da II Guía do Fútbol Provincial de Ourense
- A publicación, editada co apoio da Deputación de Ourense, ten como obxectivo difundir e promocionar o fútbol ourensán en todas as categorías
- Manuel Baltar destacou que esta iniciativa, única en España, «contribúe a fomentar a práctica deportiva e pon en valor a ilusión e o esforzo de xogadores, directivos, equipos e afeccionados do noso fútbol provincial»
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe, acompañado de Javier Taboada, cofundador de Social Media Sports, e de Bernardino González, asesor de Deportes da institución provincial, a II Guía de Fútbol «Ourense, a provincia termal», correspondente á tempada 2016-2017, unha publicación editada co apoio da Deputación de Ourense que ten como obxectivo difundir e promocionar o fútbol ourensán en todas as categorías. O presidente do goberno provincial destacou que este proxecto editorial e deportivo, único en España, «contribúe a fomentar a práctica deportiva e a pór en valor a ilusión e o esforzo de xogadores, directivos, equipos e afeccionados do noso fútbol provincial».
Baltar expresou o agradecemento da Deputación de Ourense a Javier Taboada «e a cantos fan posible o éxito do fútbol provincial, porque esta é unha maneira de reivindicar o traballo de base e a dedicación que moitas persoas e clubs desenvolven a prol do fútbol no noso territorio, o que é o mesmo que dicir: traballar en favor de Ourense e do presente e futuro da nosa provincia».
«Esta iniciativa, que non existe en Galicia nin tampouco no panorama nacional ofrece a realidade do noso fútbol en todas as categorías, unha publicación que irá gañando relevancia co tempo porque formará parte da historia do deporte da provincia de Ourense», expresou Manuel Baltar, quen afirmou que a institución provincial «seguirá colaboración con este proxecto, do cal son protagonistas os deportistas da nosa provincia. Para eles, por eles e por todos os afeccionados ao fútbol faise esta publicación».
Javier Taboada, quen agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e da delegación en Ourense da Federación Galega de Fútbol, remarcou «a boa saúde» do fútbol provincial subliñando que a provincia de Ourense «conta con máis de 4.500 deportistas federados, algo que non acontece noutros lugares», e destacou tamén «o grande número de afeccionados que cada fin de semana asiste aos partidos nos campos de fútbol por toda a xeografía ourensá».
A recadación que se acada coa venda da guía, que ten un custe de 3 euros, vai destinada á realización de actividades de concienciación en contra da violencia no deporte. En total, nesta edición editáronse 1.000 exemplares. A publicación inclúe 260 páxinas a cor con información de todos os equipos de fútbol da provincia, desde 3ª División ata 3ª Autonómica, pasando polo Fútbol Feminino, o Fútbol Base, o estamento arbitral e datos históricos, estatísticas, reportaxes e entrevistas.