A Galiciencia inicia a celebración do seu décimo aniversario con espectáculos científicos e a busca da súa mascota
Tecnópole celebra este ano o décimo aniversario da maior feira científica de Galicia, a Galiciencia, cun amplo programa de actividades que deron comezo hoxe. O espectáculo científico celebrado no Parque Tecnolóxico de Galicia (Ourense) visitará doce localidades das catro provincias ao longo dos vindeiros tres meses, ao tempo que se abre o concurso para o deseño da mascota oficial do evento.
Tanto as actividades previas como a propia celebración da décima edición da Galiciencia, que se celebrará os días 18, 19 e 20 de novembro, contan coa colaboración da Consellería de Economía e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).
Durante a presentación do aniversario, o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, explicou que este ano a Galiciencia, “aínda que, como é habitual, terá o seu colofón coa celebración da feira en novembro, non durará tres días, senón nove meses”, en referencia ao extenso programa de actividades previas que se celebrarán por toda Galicia. “Para nós este é un ano moi especial. Queremos que esta siga sendo a maior feira científica de Galicia e que gocedes aprendendo”, díxolles aos estudantes.
O espectáculo celebrado hoxe, ao que asistiron 400 escolares de varias localidades de Ourense, aproveita a celebración do Ano Internacional da Luz, facendo un percorrido polas características da luz e polas tecnoloxías baseadas nelas, desde o microscopio ao LED pasando pola fibra óptica. Os estudantes tiveron ocasión de participar en experimentos sorprendentes deseñados para aprender a través da ciencia explicada de maneira amena e divertida.
Entre moitas outras cousas, os divulgadores científicos David Ballesteros e Carlos Pérez mostráronlles na práctica os fundamentos dos fogos artificiais, que se logran mesturando diferentes metais (bario, potasio, etc.) para lograr diferentes lonxitudes de onda e, en consecuencia, diferentes cores. Ademais, explicáronlles por qué un raio láser pode atravesar o aceite de oliva pero non o refresco de cola. E tamén grazas ao láser puideron proxectar unha gota de saliva tan aumentada que se podían apreciar as bacterias presentes nela.
Ata finais de maio, o espectáculo itinerará por vilas de toda Galicia: O Barco de Valdeorras e Verín, en Ourense; Monforte, Lugo e Viveiro, na provincia de Lugo; Ribeira, Padrón e Betanzos, en Coruña; e Pontevedra, A Guarda e Silleda, na provincia de Pontevedra. En todas as ocasións serán expostas as bases da Galiciencia para animar a participar a todos os colexios cos seus proxectos.
Desde mediados do mes de abril ata final de curso organizaráse tamén unha ducia de cursos especializados para profesores en centros de toda Galicia, co obxectivo de capacitalos no método científico, de maneira que poidan apoiar aos seus alumnos na preparación de proxectos para participar tanto na Galiciencia como noutros certames. As inscricións neste curso, que terá lugar en horario de tarde, xa están abertas.
Aproveitando a celebración deste aniversario, Tecnópole lanzará tamén un concurso para deseñar a mascota oficial do evento. Todos os escolares galegos poderán presentar entre abril e xuño as súas ideas e a proposta gañadora cobrará vida durante a celebración da feira.