“A Feira do Ribeiro é un momento moi esperado e de festa”, Adrián García, empregado de Bodegas Loeda
- Descubrimos unha adega do Ribeiro dende o punto de vista dun dos seus traballadores
- Adrián García leva case 8 anos en Bodegas Loeda S.L. Recoñece estar moi contento co seu traballo e cun xefe que non é xefe: “déixanos levar a nós o traballo e non mete presión”
Ás portas da 59ª Feira do Viño do Ribeiro, que se celebra en Ribadavia os días 29, 30 de abril e 1 de maio, achegámonos a Bodegas Loeda S.L. para falar con Adrián García Soto, un traballador que en agosto cumprirá oito anos na empresa. Será unha forma diferente de coñecer a adega, dende dentro e cun punto de vista diferente, o dunha persoa que coñece todo o proceso de produción, dende a vendima ata o etiquetado e empaquetado das botellas.
Adrián é un rapaz novo que nos di que coñece o Ribeiro dende sempre, de toda a vida, e que na casa familiar tiñan e teñen unha adega para autoconsumo. Non é, pois, un tema novo para el que xa ‘mamou Ribeiro’ dende ben pequeno. “Traballar a viña e o Ribeiro non ten misterios para min”, dinos.
Tamén se formou facendo un Ciclo sobre viños e antes de Bodegas Loeda estivo noutra empresa do sector facendo traballos en viña e en adega.
En Bodegas Loeda S.L., como dixemos, leva case oito anos e tendo como xefe a Alfredo co que di estar encantado. “Non é xefe, déixanos levar a nós o traballo e non mete presión”, recoñece ao tempo que engade “ao fin e ao cabo métete na empresa, es un máis e non un número”.
Fai un pouco de todo, dende meter uva na vendima ata o embotellado e o etiquetado final para distribuír xa a mercadoría por toda a xeografía galega e nacional. Tempo atrás tamén traballou como repartidor recoñecendo que coñece ben a empresa e que lle “encanta” o que fai.
FALANDO DE VIÑOS
Sacamos o tema de viños e recoñece que lle gustan, considérase consumidor e cada día máis entendido na materia a forza da rutina, do contacto con xente do sector e sobre todo grazas a Alfredo e ao enólogo da empresa.
Dos que ten Bodegas Loeda queda co Catro Parroquias, “un viño espectacular, a xoia da bodega” dinos. Falamos da súa evolución e conta que “cando empecei aquí non coñecía o viño e iso que vivo aquí ao lado (risas)… a día de hoxe amigas e amigos de Coruña ou de Vigo dinme que o coñecen”. Nos seus comezos na adega saían unhas 15.000 botellas de Catro Parroquias e hoxe fano unhas 50.000.
Adrián lembra tamén que a adega “busca dun ano para outro que sexa o mesmo viño e que o Catro Parroquias sexa das viñas de sempre”, e xusto por por isto a fidelidade cos produtores locais é tan importante para manter a liña de produción dos seus caldos asegurando a calidade e a procedencia da uva.
O viño novo da última colleita está saíndo dende xaneiro e faino igual que antes da pandemia. “Mira que xaneiro e febreiro son meses baixos normalmente, pero estase notando movemento”, refire o noso entrevistado.
O Catro Parroquias deste ano está espectacular, e cun toque de barrica que tedes que probalo
, dinos con entusiasmo.
FEIRA DO VIÑO DO RIBEIRO
Na 59ª Feira do Viño do Ribeiro, que terá lugar en Ribadavia os días 29, 30 de abril e 1 de maio, Bodegas Loeda S.L. terá un stand e nel poderemos atopar a Adrián en rotación con outros compañeiros. Non faltou ningún ano e di que espera as datas con ganas e ilusión. En palabras del “A Feira do Ribeiro é un momento moi esperado e de festa… estás todo o ano preparando os viños, enriba deles e tes a ilusión de presentalos e que a xente os probe, opine e que lle gusten”.
Trátase, xaora, dunhas datas moi esperadas e de festa para esta adega e para o resto das que integran a D.O. Ribeiro. Nos tres días que dura a feira hai moita saída comercial, non só se proba viño se non que se venden moitos packs e caixas de botellas.
Bodegas Loeda S.L. estará presente no evento vitivinícola cos seguintes viños, Loeda, Viña Leda e Catro Parroquias.
Despedímonos do noso anfitrión nesta adega do Ribeiro que ademais nos convida a facerlles unha visita e tomarlle un viño en Ribadavia estes días. Haberá que achegarse.