A exposición ‘José María Cao Luaces, un galego patriarca da caricatura arxentina’ en Ourense ata o 7 de agosto
- O legado do caricaturista galego José María Cao Luaces en Ourense nunha exposición itinerante
- A sala José Ángel Valente acolle ata o 7 de agosto unha escolma de obras do esquecido debuxante lucense, considerado o patriarca da caricatura arxentina
- A Consellería de Cultura e Educación e o Club de Prensa de Ferrol promoven esta exposición itinerante, xunto cun ciclo de conferencias impartidas por Siro López, para recuperar o legado do artista e difundilo entre a cidadanía
A Consellería de Cultura e Educación e o Club de Prensa de Ferrol leva a Ourense a exposición ‘José María Cao Luaces, un galego patriarca da caricatura arxentina’, que se poderá visitar ata o vindeiro 7 de agosto na sala municipal José Ángel Valente, coa colaboración do Concello ourensán.
No seu percorrido polas catro provincias galegas, iniciado o pasado mes de maio en Santiago de Compostela, a mostra, segundo explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a mostra chega agora a Ourense para seguir difundindo entre a cidadanía a obra deste destacado debuxante de orixe lucense, escasamente coñecido en Galicia, que desenvolveu a súa traxectoria profesional principalmente en Arxentina.
Ata o vindeiro día 7 de agosto a mostra exhibirase na sala José Ángel Valente, onde foi presentada hoxe polo secretario xeral de Cultura, polo debuxante e xornalista Siro López, polo alcalde de Ourense, Xesús Vázquez, e pola responsable da sala, Eva Torres.
Esta mostra sobre José María Cao Luaces, que acadou un lugar de privilexio nas mellores publicacións periódicas da Arxentina, reúne unha escolma de caricaturas do artista a través das que se poñen de manifesto as distintas etapas polas que pasou o seu creador e que permiten admirar o talento e a habelencia dun debuxante galego excepcional que se erixiu como un dos grandes creadores desta forma de arte no seu tempo.
Próximas paradas
Logo do seu paso pola Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal e da Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, a mostra chegará á Biblioteca Pública de Lugo, do 2 ao 28 de setembro; á Casa da Cultura de Melide, do 30 de setembro ao 25 de outubro; á Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, do 27 de outubro ao 27 de novembro; e á sala de exposicións de Sargadelos en Cervo, onde rematará a itinerancia entre o 29 de novembro e o 20 de decembro.
A mostra compleméntase cun ciclo de conferencias a cargo do debuxante e xornalista Siro López, que realizará as próximas sesións o día 10 de novembro na González Garcés e o 29 de novembre en Cervo, co obxectivo afondar no legado deste esquecido artista de Cervo que contribuíu decisivamente a que a ilustración arxentina eclosionase no final do século XIX e comezos do XX.
Un referente da caricatura
Nado en Cervo en 1862, Cao Luaces comezou traballando na fábrica de Sargadelos deste concello lucense. Con 25 anos emigrou a Buenos Aires. Alí, logo dunha amplísima e prolífica traxectoria en diferentes publicacións da capital porteña, entre finais do século XIX e inicios do XX, o artista galego acadará prestixio internacional e será recoñecido como “patriarca da caricatura arxentina”. Co seu influxo indirecto, Castelao creará a moderna escola galega de humor gráfico.