A exposición itinerante ‘Via Iacobitana’ ata o 25 de novembro no Centro do Coñecemento de La Molinera

  • A exposición itinerante ‘Via Iacobitana’ mostra en Ourense diversas perspectivas do Camiño de Santiago
  • Trátase dunha colección de 50 imaxes de fotógrafos galegos que percorreron a Ruta Xacobea para amosar a súa visión particular e as sensacións que lles suxire o Camiño
  • A través destas imaxes, contémplase o Camiño en diferentes épocas do ano, as súas variadas paisaxes e o legado cultural que atesoura
  • A mostra poderase visitar ata o 25 de novembro no Centro do Coñecemento de La Molinera

image_gallery-4

 

O Centro do Coñecemento de La Molinera de Ourense acolle ata o próximo 25 de novembro a exposición ‘Via Iacobitana’ que reúne unha colección de imaxes sobre o Camiño de Santiago.

A mostra, froito da colaboración de Turismo de Galicia e Viaqua, foi inaugurada polo xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, o director de Viaqua, Julio Masid, o alcalde de Ourense, Jesús Vazquez, e a secretaria territorial da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Silvia Dorado, entre outros.

Trátase dunha colección de 50 fotografías sobre as Rutas Xacobeas realizadas polos fotógrafos galegos Tino Diz e Luis Gabú que se converteron en peregrinos para plasmar a súa visión particular e as sensacións que lles suxire a experiencia.

A través das imaxes que se expoñen contémplanse diversos itinerarios en diferentes épocas do ano, as súas variadas paisaxes, os romeiros, os veciños e o patrimonio cultural que atesouran dende a óptica persoal do autor, que lle imprime personalidade.

Ourense ten, nesta ocasión, un protagonismo especial, xa que a mostra contén imaxes de sitios emblemáticos da cidade como a Praza Maior, a ponte romana, Santa María Nai, a catedral ou a zona vella.

Este traballo permite aumentar o legado iconográfico xacobeo existente e tamén perpetuar no tempo os instantes da Ruta e as vivencias dos que a realizan, así como poñer en valor o labor de grandes profesionais galegos.

Así, coas imaxes propostas na mostra evidénciase a multiforme esencia do Camiño de Santiago, o sentido xeneroso e aberto da peregrinación xacobea, así como, o seu inesgotable poder de atracción.

A exposición está aberta ao público de luns a venres de 8:00 a 20:30 horas.

 

También te podría gustar...