A exposición fotográfica transfronteiriza sobre o río Limia-Lima en Xinzo
- A Casa da Cultura e Xuventude do Concello de Xinzo de Limia acolle ata o 29 de xullo a exposición fotográfica transfronteiriza sobre o río Limia-Lima
- Tres fotógrafos ourensáns e tres portugueses documentaron o recorrido do río dende o seu nacemento no Monte Talariño, en Sarreaus, ata a súa desembocadura en Viana do Castelo
- A actividade forma parte do proxecto Fronteira Esquecida, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa INTERREG V A España-Portugal (POCTEP) 2014 -2020
A Casa de Cultura e Xuventude do Concello de Xinzo de Limia acolle ata o 29 de xullo a exposición «Fronteira Esquecida. Itinerario Fotográfico Río Limia-Lima.», coas mellores fotografías dos fotógrafos profesionais que documentaron o itinerario transfronteirizo perfilado, na parte galega, pola Deputación de Ourense a través dos 11 concellos galegos bañados polo río Limia-Lima.
Esta acción está enmarcada dentro do proxecto Fronteira Esquecida, cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, cuxo obxectivo principal é potenciar os recursos naturais e culturais do río Limia-Lima, e a súa contorna, e en base a iso crear e desenvolver unha estrutura de xestión e promoción conxunta que potencie o aproveitamento turístico da zona.
Dentro das actividades deste proxecto creouse este itinerario fotográfico que, agora, deriva na exposición «Río Limia-Limia. Caudal de emocións”, e que despois de estar no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense chega á Casa de Cultura e Xuventude do Concello de Xinzo de Limia. A mostra itinerante recolle as mellores imaxes do territorio que baña o río Limia-Lima, desde o seu nacemento no Monte Talariño (Sarreaus) ata a súa desembocadura en Viana do Castelo, realizadas por profesionais portugueses -Pedro Cerqueira, Eduardo Pimenta e Miguel Costa- e ourensáns -Paco Rocha, Rosa Veiga e Miguel Souto-.