A exposición ‘Acollida e hospitalidade no Camiño de Santiago’ no condado británico de Durham
- O condado británico de Durham alberga a exposición ‘Acollida e hospitalidade no Camiño de Santiago’
- A mostra contén fotografías de Manuel García Vicente que recollen unha experiencia hospitalaria e solidaria vivida a carón dos peregrinos
A igrexa de St Jonh`s School & Sixth Form College, en Bishop Aucklan, no condado británico de Durham, acolle ata o vindeiro día 12 de decembro a exposición fotográfica Acollida e hospitalidade no Camiño de Santiago, unha mostra de Manuel García Vicente que recolle as experiencias vividas na ruta xacobea a carón dos peregrinos.
Organizada por Turismo de Galicia, esta exposición promove os valores xacobeos en Gran Bretaña, mostrando en imaxes a experiencia hospitalaria e solidaria no Camiño de Santiago, nos albergues para peregrinos e no fin da ruta en Compostela.
O exercicio da hospitalidade, a acollida ao peregrino, constitúe desde hai séculos a pedra angular do Camiño de Santiago, e foi plasmada graficamente por Manuel García Vicente nesta mostra en cuxas imaxes se funden coa vivencia do encontro, a solidariedade, a amizade e mais a comprensión mutua.
Neste traballo fotográfico móstranse experiencias comunicativas no Camiño a distintos niveis. En primeiro lugar, do peregrino consigo mesmo, pois a linguaxe interior é esencial na experiencia da peregrinación.
En segundo lugar, establécese unha comunicación co propio Camiño e, por último, cos seus compañeiros de ruta, cos hospitaleiros e as persoas que viven a carón da Ruta Xacobea.
Así, parte do espazo evocado e recreado nesta exposición, configúrase desde a afectividade de quen vive en vilas, cidades, lugares históricos e espazos naturais asumindo os valores afectivos cara os peregrinos. Un marco sensible no que se desenvolve unha fecunda comunicación entre o peregrino e a súa contorna natural e humana.
Tradición xacobea
É a segunda ocasión que esta exposición Acollida e hospitalidade no Camiño de Santiago visita a cidade de Durham xa que no pasado verán puido visitarse tamén na igrexa da parroquia da Nosa Señora da Misericordia e San Godric, un templo próximo á abadía beneditina de Finchale, de gran tradición xacobea por ser un lugar frecuentado polos peregrinos ingleses que iniciaban o Camiño de Santiago.