A exposición ‘Á luz do Calixtino. O Códice de Santiago’ supera os 5.000 visitantes
- A exposición ‘Á luz do Calixtino. O Códice de Santiago’ recibiu xa máis de 5.000 visitantes
- A mostra foi inaugurada o pasado 14 de setembro en apoio á candidatura do Códice Calixtino para a súa inclusión no Rexistro Internacional da Memoria do Mundo da UNESCO
- A exposición, organizada por Turismo de Galicia en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, percorreu varias cidades europeas e españolas antes de chegar a Santiago
- Permanecerá aberta ao público na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela ata o próximo 3 de novembro
A exposición ‘Á luz do Calixtino. O Códice de Santiago’ organizada por Turismo de Galicia, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para o apoio á candidatura do Códice Calixtino para a súa inclusión no Rexistro Internacional da Memoria do Mundo da UNESCO, recibiu xa máis de 5.000 visitantes.
A visitante 5.000 desta mostra que inaugurouse o pasado 14 de setembro recibiu como agasallo un exemplar do Códice Calixtino.
A exposición de carácter divulgativo e didáctica permanecerá aberta ao público na Universidade de Santiago de Compostela ata o próximo 3 de novembro, despois de percorrer varias cidades europeas e españolas.
A mostra conta con textos, fotografías, o facsímil do documento, pezas orixinais así como recreacións audiovisuais baseadas en datos do Libro V do Códice onde a creatividade contemporánea forma parte do proxecto.
Así mesmo, ademais de varias láminas orixinais do artista Francisco Leiro, que forman parte da primeira versión completa do Calixtino en lingua galega, a exposición mostra unha serie de fotografías actuais do Camiño de Santiago, de artistas como Luís Gabú, Santy López, Manuel Valcárcel, Margen Fotografía, Eutropio Rodríguez e Silvia Steinbach, que ilustran a vixencia dunha serie de textos orixinais do Liber Sancti Iacobi.
Trátase, deste xeito, dunha maridaxe entre o pensamento do século XII e a vivencia da peregrinación compostelá no século XXI.
A mostra pode visitarse de luns a sábado en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 horas.