A exposición ‘180 anos de historia provincial’ chega a Verín

A exposición 180 anos de historia provincial visita Verín

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado polo alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, inaugurou hoxe nesta vila a mostra «180 anos de historia provincial», unha exposición que está a percorrer as comarcas ourensás e que ten como obxectivo poñer en valor o que une aos ourensáns desde o punto de vista da xeografía, da historia, das organizacións políticas de cada tempo, da cultura, da lingua, da industria, do comercio e dos proxectos.

A mostra, que poderá visitarse na Sala de Exposicións de Verín ata o vindeiro 23 de outubro, está composta por 40 paneis de gran formato. Concíbese como un itinerario no que se poden ver as máis destacadas divisións xeográficas e político-administrativas da península Ibérica, dende a conquista romana ata a actual organización provincial, asinada en 1833 por Javier de Burgos, primeiro ministro de Fomento, trala morte de Fernando VII. Deste xeito, o concepto de «provincia» convida a comprender, partindo das súas orixes, a nosa realidade presente no concerto da España autonómica. Un resumo da historia da provincia de Ourense completa a visión panorámica da nosa división e organización territorial.

Tamén ocupan un importante espazo na mostra a historia do concepto «deputación» e a traxectoria moderna da institución, así como as súas competencias, sedes e patrimonio. Neste contexto, o espectador pode deterse na análise dos proxectos do actual goberno provincial e nas realizacións xa executadas. O itinerario histórico está ilustrado con 14 mapas e un libro catálogo, nos que os límites da provincia de Ourense acadan protagonismo para que o espectador teña unha clara visión da identidade territorial.

Como complemento, editouse un libro catálogo que afonda e amplía os contidos da exposición con diferentes apartados temáticos: «Somos provincia, creamos futuro», por Manuel Baltar; «A provincia, un concepto histórico»; «A provincia moderna»; «O goberno provincial» e «O Inorde», analizando ademais aspectos como o Plan Ourense 92, Ourense como recurso termal e os diversos plans e proxectos que ten en marcha a Deputación de Ourense.

También te podría gustar...