A EVEGA organiza unha xornada sobre os viños escumosos en Galicia e o seu futuro
A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) organiza, coa colaboración do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas e o Concello de Cambados, a xornada Os viños escumosos en Galicia. O seu futuro, que terá lugar o venres, 12 de decembro en Cambados, no Salón de Congresos e Exposicións José Peña. Esta mañá en Cambados o director da EVEGA, Juan Casares; o alcalde de Cambados, Luis Aragunde e o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Juan Gil, presentaron os contidos desta xornada.
Esta iniciativa está dirixida a viticultores, adegueiros,enólogos, persoal técnico das adegas e dos consellos reguladores, persoal investigador interesado nesta área e a estudantes. A través dela búscase dar a coñecer as técnicas de elaboración dun escumoso de calidade, describir as principais castes de uva para a elaboración de escumosos, estudar as diferencias entre os escumosos galegos e portugueses e os cavas e o champaña. Tamén coñecer a evolución do mercado de viños escumosos e a súa situación en Galicia.
O programa desta xornada abrirase co relatorio Evolución do mercado de escumosos. Puntos críticos na súa elaboración. A experiencia do cava de Cataluña, a cargo de Joan Miquel Canals, doutor en Ciencias Químicas e Profesor da área de Nutrición e Bromatoloxía da Facultade de Enoloxía da Universidade Rovira i Virgili. Continuará con outro relatorio sobre a experiencia dos viños escumosos en Portugal e as características das súas castes para a elaboración deste tipo de viño. O encargado de impartilo será Jorge Sousa, técnico experto na elaboración de viños escumosos en Portugal.
A xornada seguirá co relatorio A experiencia galega na elaboración de escumosos coas variedades Albariño e Godello, que será impartido por María Sineiro, da Adega Lagar de Besada, pertencente á Denominación de Orixe Rías Baixas e por Cristina Murga, da Adega Fragamoura e pertencente á Denominación de Orixe Valdeorras.
O último relatorio versará sobre o champaña francés e a súa diferenza cos viños escumosos e cavas. A xornada rematará arredor das 14:00 horas tras unha mesa redonda na que participarán todos os relatores.