A EVEGA organiza unha xornada sobre boas prácticas no marketing do viño que se celebrará en Ourense
A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) organizou a xornada “Boas prácticas no marketing do viño”, que terá lugar o vindeiro xoves, día 13, na Casa da Cultura de Verín (Ourense).
Esta iniciativa formativa vai dirixida a viticultores, adegueiros, enólogos, persoal técnico das adegas e dos consellos reguladores, persoal investigador interesado no tema e estudantes.
O principal obxectivo desta xornada é o de salientar a importancia do marketing nos mercados do viño. Tamén persegue coñecer polo miúdo o mercado do viño e as características dos consumidores e dar a coñecer as estratexias de venda, especialmente a través de internet. Así mesmo, quere incidir na importancia do coñecemento das zonas de produción de viño e a súa cultura como estratexia de venda e avaliar a importancia do marketing na exportación a través das experiencias de adegas galegas.
O programa desta xornada abrirase co relatorio “comprensión do mercado do viño e consumidores, como construír a reputación dunha marca”, a cargo de José Antonio Fraiz, profesor da área de Comercialización e Investigación de Mercados da Universidade de Vigo e de Juan Antonio Vázquez Gancedo, director xeral de Adegas Martín Códax.
A continuación, Dionisio Oseira, director de La Maleta Hand Wines, falará sobre o mercado e a súa importancia na creación de novos proxectos vitícolas. Despois será a quenda para María del Carmen Pita, directora de Promoción e Turismo da Xunta, que se centrará na importancia do turismo do viño. A identidade corporativa e a importancia do deseño no marketing será analizada por Marta Lojo, directora de Wine Design Studio e Manuel Leza, xefe do departamento de deseño da empresa Coreti.
A xornada pecharase cunha mesa redonda con todos os relatores.O prazo de inscrición para asistir a esta iniciativa da EVEGA rematará o vindeiro mércores, día 12 de novembro.