A EVEGA achega ao sector as posibilidades da elaboración de viños con estadía en madeira
A Casa da Cultura de Ribadavia acolleu esta mañá unha xornada organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) que baixo o título “Viños de garda. A utilización de diferentes madeiras para a súa crianza” tentou achegar aos produtores diferentes aspectos que cómpre ter en conta para elaborar viños con estadía en madeira. A xornada contou coa colaboración do Consello Regulador Denominación de Orixe Ribeiro e do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (INGACAL).
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, presidiu o acto de clausura. Na súa intervención Martínez apuntou que as explotacións vitivinícolas dotan ao territorio galego dunha singularidade única e destacou a importancia deste sector na economía galega. “A Xunta de Galicia -consciente da preocupación de viticultores,adegueiros,enólogos e expertos no sector- apoia a organización deste tipo de actividades que axuden a mellorar, se cabe, a elaboración dos nosos viños e a consolidar a súa tendencia de recoñecemento e crecemento a nivel nacional e internacional”, afirmou.
Os especialistas que participaron na xornada coincidiron que sen esquecer os viños novos, Galicia ten a posibilidade de elaborar viños de garda nas cinco denominación de orixe, dándolle ademais un valor engadido ás nosas variedades autóctonas. O uso de barricas novas e de capacidade maior que a bordelesa, axustar o tempo de permanencia do viño e a utilización de tostados lixeiros que consigan a integración dos taninos da madeira en equilibrio harmónico cos aromas da froita achegados pola variedade, son todos aspectos fundamentais para lograr un produto de calidade contrastada e con valor engadido.
Expertos no mundo enolóxico de Galicia, A Rioxa e Aragón participaron nos relatorios da xornada e abordaron temáticas relacionadas coa garda en madeira. Así, avaliaron as diferentes castes galegas e a súa potencialidade para a elaboración de viños de garda; indicaron as distintas especies de carballo que cómpre utilizar e outras madeiras na crianza do viño; afondaron nas alternativas ao uso da barrica apuntando as diferenzas entre os viños de barrica e os elaborados con chips; e, por último, analizaron polo miúdo os experimentos realizados na comunidade galega con distintos tipos de carballo.