A directora de Turismo de Galicia destaca a calidade dos recursos náuticos da nosa Comunidade
Sanxenxo acolleu onte á tarde a clausura e entrega de trofeos da XIX edición da Regata Hotel Galatea-Trofeo Pescamar que organiza cada ano o Club Náutico Portonovo.
O acto contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen destacou na súa intervención que a auga é un elemento que identifica e diferenza Galicia como destino único xogando un papel esencial no desenvolvemento turístico da nosa comunidade.
Nava Castro sinalou que Galicia é un destino inigualable para o desfrute do mar a través dos diferentes deportes náuticos ao contar cunha instalacións de vangarda que sobresaen tanto en cantidade coma en calidade. “En Galicia localízanse 39 portos que contan con instalacións náutico-deportivas con servizos completos e xuntan máis de 13.000 prazas”, afirmou.
Neste senso, a directora de Turismo de Galicia destacou que o turismo náutico é un elemento diferencial da oferta turística galega e así se inclúe entre as fortalezas do Plan Integral de Turismo de Galicia ao tempo que se incide no potencial dos eventos deportivos para xerar fluxos turísticos e articular novos produtos específicos.
Nava Castro explicou que a segunda liña estratéxica do plan baséase na oferta turística, nos recursos endóxenos e na articulación dun turismo multiexperiencial con produtos como o turismo náutico para captar novos mercados e desestacionalizar a demanda.
A responsable de Turismo da Xunta resaltou que no marco do Plan Integral de Turismo estanse a desenvolver accións para a organización, mellora e promoción da oferta relacionada co turismo náutico como a dotación de información turística en estacións náuticas ou a disposición de accesos directos desde os clubs ás plataformas de venda en liña de experiencias turísticas próximas. Así como o fomento da certificación dos clubs náuticos en normas de calidade turística e o apoio para a obtención do galardón internacional das Bandeiras Azuis.
Comunidade líder en calidade
Nava Castro referiuse na súa intervención á calidade acadada polos portos instalacións náutico-deportivas da nosa comunidade.
Galicia conta con 19 portos con Bandeira Azul e 13 tamén distinguidos coa Q de Calidade, o que converte a Galicia na Comunidade con máis instalacións náutico-deportivas certificadas con este distintivo do Estado. O 65% das instalacións certificadas con Q en España están en Galicia.
Neste senso, a directora de Turismo de Galicia afirmou que a aposta da nosa comunidade pola calidade implica diferenciación e valor engadido e sitúa as empresas galegas e ao destino Galicia nunha posición de maior privilexio fronte a outros destinos.
“Dende a Xunta de Galicia seguiremos apostando pola calidade e potenciando aquilo que nos fai especial porque, deste xeito, conseguiremos ofrecer experiencias que soamente se poidan gozar aquí, na nosa comunidade”, concluíu Nava Castro.