A Dirección General de Tráfico contra dos veciños de Valdeorras
Riada Cidadá emite un comunicado no que se refiren o malestar en contra da DGT.
Como xa nos teñen acostumados, os organismos do Estado volven a escoller as vacacións para recortar todo tipo de servizos aos veciños. Así, a DGT (a das multas) anunciou onte que a partires do día 5 de agosto as probas teóricas para obter o carné de conducir deixaranse de facer no Barco e terán os interesados que desprazarse a Ourense.
Esta nova volta de torca contra Valdeorras inscríbese na política de recortes desenvolta polo gobernos do PP, que pouco a pouco van descompoñendo o Estado de Benestar para abaratar custes e posteriormente aplicarlle un plan de privatización.
Así, nos derradeiros meses tivemos que resistirnos ao traslado dos xulgados a Ourense, mobilizarnos polos rexistros civís ou iniciar un novo proceso de defensa do Hospital Comarcal ante o lento desmantelamento ao que está sometido, cando non paran de falar (Feijóo, Baltar e os seus corifeos) nos medios de comunicación da necesidade de asentar poboación no medio rural.
Como nos anos 70, nos que a DGT barallou suprimir este servizo en Valdeorras, dende Riada Cidadá chamamos a mobilizarnos en defensa do servizo e responder contundentemente a esta nova agresión aos intereses máis inmediatos da cidadanía.