A Deputación financia a rehabilitación do claustro dos Mercedarios de Verín, unha das xoias do patrimonio ourensán
A aposta da Deputación de Ourense pola conservación e promoción do patrimonio da provincia deu hoxe un importante paso coa sinatura en Verín do convenio de colaboración entre o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, o alcalde de Verín, Juan Jiménez Morán, e Elisardo Rodríguez Nieves, representante da Orde da Merced, para rehabilitar o claustro do Convento dos Padres Mercedarios, unha xoia arquitectónica do século XVIII, que será remodelada grazas ao financiamento da Deputación de Ourense. O ente provincial achega para esta intervención un total de 20.000 euros.
Manuel Baltar dixo trala sinatura do acordo que esta actuación «forma parte do labor que a Deputación de Ourense fai en favor da preservación do noso patrimonio, unha conservación que, ademais do traballo material de recuperación, significa o mantemento dos elementos que configuran a historia e as raíces da nosa provincia, un Ourense de auga e pedra que entre todos temos a obriga de conservar».
Na súa visita a Verín, Manuel Baltar participou tamén na inauguración da tradicional Feira de San Lázaro, que tivo lugar no Pavillón dos Deportes, «un evento –afirmou o presidente- que reúne a 70 expositores e que potencia o marcado carácter internacional dun territorio con riqueza cultural, termal e vitivinícola, que aposta polo emprendemento e o dinamismo empresarial».