A Deputación entregou á Cruz Vermella unha nova ambulancia para emerxencias fabricada integramente en Ourense
- O goberno provincial investiu 56.311 euros neste equipamento fabricado integramente en Ourense, para asistencia de Soporte Vital Básico
- Manuel Baltar e Felipe Ferreiro concordaron na importancia da cooperación institucional para levar a cabo a xestión dos servizos preventivos de socorros e emerxencias en Ourense
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou onte xunto ao presidente de Cruz Vermella Ourense, Felipe Ferreiro, no acto de entrega dunha nova ambulancia por parte do goberno provincial a Cruz Vermella, que tivo lugar diante da sede desta ONG na capital ourensá.
O goberno provincial investiu un total de 56.311 euros neste equipamento, fabricado integramente en Ourense, para asistencia de Soporte Vital Básico e no mesmo acto Manuel Baltar asumiu como compromiso a petición formulada polo presidente da Cruz Vermella de que a Deputación de Ourense entregará outra nova ambulancia, que se sumará ao equipamento asistencia que Cruz Vermella ten en Ourense, poñendo de manifesto ámbolos dous a importancia da cooperación institucional para levar a cabo a xestión dos servizos preventivos de socorros e emerxencias en Ourense.
Neste sentido, Manuel Baltar destacou que a Cruz Vermella «é a organización de máximo prestixio de ámbito internacional e hoxe o que facemos é poñer a disposición de Ourense unha ferramenta imprescindible de traballo que salvará vidas, e dámoslle a benvida a un equipamento que é 100 % ourensán, a cargo da empresa Rodríguez López, un motivo máis para sentirmos orgullosos, neste caso polo que supón de tecnoloxía e calidade ao servizo da saúde».
Baltar afirmou que estamos «para cooperar e recoñecer o traballo de todos os voluntarios que poñen todo a prol da comunidade, que sacrifican o seu tempo e que viven con ese altruismo que nos fai máis humanos e solidarios como Cruz Vermella, entidade que contará sempre coa Deputación de Ourense para os proxectos que teña a ben propoñernos».
Esta ambulancia vén a substituír no parque móbil dos equipos de socorros e emerxencias a outra ambulancia que despois de 10 anos de servizo será retirada segundo establece a normativa vixente sobre transporte sanitario; este vehículo fora tamén financiado no seu día pola Deputación Provincial.
Trátase dunha ambulancia asistencial de tipo B de Soporte Vital Básico, dotada de desfibrilador externo semi-automático con, material de inmobilización (férulas de vacío, colchón de vacío, padiola de culler, collaríns cervicais, entre outros), equipos de osixenoterapia, aspirador de secrecións, taboeiro espinal, inmobilizador de cabeza, cadeira oruga para evacuación de pacientes por escaleiras, bancada e camilla, aparataxe de electromediciña, neveira e quentasueros, sistema de retención infantil, mochilas con material para soporte circulatorio e primeiros auxilios.
O mobiliario do interior está fabricado en material ignífugo e hidrófugo acorde, segundo as recomendacións da UE en materia de seguridade, tomas de corrente e de osíxeno, climatización, iluminación interior con focos LED e asentos orientables na cabina asistencial, cun total de 6 prazas no vehículo.
Durante o 2015 Cruz Vermella realizou máis de cen servizos preventivos de socorros na provincia, en actos deportivos, culturais e festivos. En total atendéronse a 387 persoas dunha poboación obxecto que supera as 230.000 persoas participantes.
A xestión dos servizos preventivos de socorros e emerxencias de Cruz Vermella realízase a nivel provincial, garantindo unha maior cobertura nos dispositivos, tanto de recursos humanos como materiais, redundando no aumento da calidade asistencial na busca duns tempos de resposta acordes ás recomendacións en reanimación cardio-pulmonar e desfibrilación externa, xa que os primeiros catro minutos son vitais tras unha parada cardiorrespiratoria.
O obxectivo de Cruz Vermella é aumentar a rapidez e eficacia na resposta aos accidentes que poidan producirse, activando a a cadea asistencial en menos dun minuto.
Só durante o 2015 realizáronse 129 servizos preventivos na nosa provincia, en actos de tan diversa índole como «A Festa do Pulpo» no Carballiño, o «Xoves de Comadres» en Verín, a Xuntanza dos Maiores do Carballiño, a Festa da Istoria en Ribadavia, a Batucada de Verín, os encontros do Club de Rugby do Campus Universitario de Ourense, voltas ciclistas, carreiras populares, regatas, andainas, rallys… así como moitos dos eventos de carácter benéfico e solidario. En total atendéronse a 544 persoas dunha poboación obxecto de que supera as 230.000 persoas.