A Deputación e os catro consellos reguladores colaborarán nos ámbitos da promoción, innovación e comercialización vitivinícola
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse onte na Casa do Concello de Celanova cos presidentes dos consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas da provincia de Ourense: Miguel Ángel Viso, do Ribeiro; Antonio Ángel Méndez, de Monterrei; Vicente Solarat, de Valdeorras, e José Manuel Rodríguez, de Ribeira Sacra, a quen propuxo establecer canles de colaboración en materia de promoción, innovación e comercialización “para este sector básico da economía da provincia de Ourense”, explicou Baltar. Asemade, o presidente provincial presentoulles o convenio de mellora da competitividade e innovación das Pemes do sector vitivinícola da provincia de Ourense –asinado en Fitur co Ministerio de Industria-, cuxa a acción principal é a creación do portal web de comercialización para as adegas das catro D.O. ourensáns, “Enourense”, cumpríndose así un novo compromiso dos anunciados por Manuel Baltar no debate sobre o estado da provincia.
Segundo informou o presidente do goberno provincial, a posta en marcha deste portal “irá acompañada de iniciativas de apoio ás pemes e de estratexias de innovación, ademais de realizar unha diagnose do sector e poñer a disposición das empresas unha plataforma de comercio electrónico e accións de promoción e asesoramento para mellorar a competitividade do sector”.
A realización deste proxecto é posible grazas ao acordo entre a Deputación de Ourense e o Ministerio de Industria, a través da Escola de Organización Industrial (EOI), e ten un orzamento de 100.000 euros “e servirá para que as adegas utilicen esta ferramenta para comercializar os produtos das catro denominacións de orixe de Ourense”, subliña Baltar.
“Este é un paso máis, logo de presentar o proxecto PROMERCADO, de produtos endóxenos da provincia de Ourense –explicou Manuel Baltar-, porque o agroalimentario é un sector estratéxico da nosa economía, boa proba diso é que somos a provincia de España con maior número de consellos reguladores do ámbito vitivinícola e a Deputación de Ourense ten que estar ao seu carón para que vexan nela un aliado nesa visión integral de provincia que defendemos”.
Logo deste primeiro encontro cos catro presidente das denominacións de orixe, Manuel Baltar afirma que se iniciará unha rolda de encontros que se estima sexan bimensuais, “para que un sector tan importante e dinamizador da nosa economía saiba que segue a contar nas estratexias da Deputación de Ourense, tanto no que atinxe á modernización tecnolóxica dos consellos reguladores como a actividades vencelladas á promoción e comercialización coa colaboración do Inorde”, destaca o presidente provincial.
Para levar a cabo o proxecto “Enourense” realizarase previamente unha diagnose do sector, analizando as fortalezas, debilidades, ameazas e oportunidades das empresas, así como os municipios que van formar parte do programa. Isto irá acompañado de actuacións de sensibilización e captación de Pemes. Seguidamente realizaranse accións de difusión do proxecto e porase en marcha a plataforma de comercio electrónico “Enourense” para favorecer a competitividade e a promoción das catro D.O. e das Pemes ourensás do sector do viño, unha ferramenta tecnolóxica que lles permitirá comercializar seus produtos e sevizos en Internet.
A última fase do proxecto será a de asesoramento ás empresas. Estímase que serán unhas 80 Pemes, coas que se elaborará un catálogo dos seus produtos e servizos para comercializalos a través de Internet.
A Deputación de Ourense participa no proxecto por medio do Inorde, que levará a cabo o traballo de captación das empresas beneficiarias, e colaborará coa Fundación Escola de Organización Industrial (EOI) na promoción e difusión do programa. Pola súa banda, a EOI deseñará e dirixirá as actividades e seleccionará aos participantes e destinatarios das accións, as cales se desenvolverán ao longo do ano 2015.