A Deputación de Ourense recupera máis dun millón de euros que lle adebedaban de fondos europeos

1 2015 MB e EU

 

A Deputación de Ourense ven de recuperar máis dun millón de euros que lle adebedaba o Fondo Social Europeo, grazas ás xestións que o goberno provincial e en concreto o seu presidente, Manuel Baltar, está a facer diante do Ministerio de Facenda para reducir a débeda que outras administracións teñen coa Deputación de Ourense e desbloquear as xestión de pago correspondentes.

Neste último caso trátase de 1.188.697 euros que a Unidade Administrativa do Fondo Social Europeo (UASFE) lle adebedaba á institución provincial dende o ano 2009, importe derivado do desenvolvemento dun proxecto cofinanciado polo fondo comunitario.

En menos de dous anos a Deputación de Ourense recuperou 4,6 millóns de euros que lle adebedaba a Secretaría General del Tesoro y Política Financiera, en concepto de subvencións con cargo ao programa de Adaptabilidade e Emprego do Fondo Social Europeo, e outras referidas ao Feder e aos proxectos Delorur, Terras do Avia, e os programas POCTEP e Espacio Atlántico. En concreto, as xestión permitiron desbloquear diferentes partidas de 1.700.000 €, 483.323 €, 990.965 € e 331.377 € ás que hai que engadir agora 1.188.697 €; todas elas suman a cifra de 4.694.362 euros recuperados pola Deputación de Ourense.

Dende que asumiu a Presidencia do goberno provincial, unha das liñas prioritarias de Manuel Baltar ven sendo a xestión da débeda que outras administracións teñen coa Deputación, «co obxectivo de achar vías de acordo que permitan atopar solucións para o retorno deses fondos ás arcas da institución provincial», afirma o presidente.

Neste senso, ao longo de 2013, 2014 e 2015 Baltar intensificou as devanditas xestións en diferentes ámbitos institucionais para coñecer a situación na que se atopaban os expedientes dos programas europeos, así como as causas que motivaban esta notable demora nos aprazamentos do pago.

O presidente da Deputación marcouse como un dos obxectivos principais da súa xestión ao fronte do goberno provincial o redimensionamento do ente e potenciar os servizos e a cooperación cos concellos. Precisamente a «fusión de servizos» anunciada no seu momento por Manuel Baltar no marco do Plan Ourense 92 «é un instrumento que nos permite facer máis con menos. É un reto, pero tamén unha oportunidade. Desta maneira -afirma Baltar- somos máis eficientes a pesares de contar con menos recursos, e a para iso non hai outra estratexia que aforrar, planificar, priorizar e levar a cabo accións focalizadas exclusivamente nas principais necesidades dos concellos e dos cidadáns».

A Deputación de Ourense xa foi posta como exemplo pola súa innovación e eficiencia na xestión por parte do secretario de Estado de Administracións Públicas, Antonio Beteta, coa elaboración do «Plan de racionalización da estrutura administrativa» deseñado pola Deputación de Ourense -trala proposta realizada por Baltar e aceptada por Beteta- para poñer a disposición das demais deputacións de España este instrumento de xestión que ten como finalidade incrementar o aforro e a eficacia na prestación de servizos por parte dos concellos.

También te podría gustar...