A Deputación de Ourense, primeira administración que aproba o orzamento do ano seguinte no mes de setembro

A Deputación de Ourense, primeira administración que aproba o orzamento do ano seguinte no mes de setembro.

  • No pleno ordinario de hoxe aprobouse inicialmente o orzamento xeral para o exercicio 2016 xunto con outras iniciativas entre as que destacan a adhesión da Deputación á Rede de entidades locais para a transparencia e a participación cidadá e á adhesión á Asociación Europea Partenalia.

O pleno da Corporación Provincial correspondente ao mes de setembro de 2015 aprobou hoxe inicialmente o orzamento xeral da Deputación de Ourense para o exercicio 2016, converténdose así a institución provincial ourensá na primeira administración pública que aproba os seus presupostos para o ano seguinte no mes de setembro. O orzamento experimentará un incremento do 2,65 %, pasando de 75,7 a 77,7 millóns de euros, e dispoñerase de 15,5 millóns de euros para investimentos produtivos, mentres que a débeda sitúase no 32 %, mantendo unha progresiva redución dende 2012, ano no que estaba no 116 %.

No pleno ordinario de hoxe destaca tamén a aprobación da adhesión da Deputación á rede de entidades locais para a transparencia e a participación cidadá da Federación Española de Municipios e Provincias, como socio titular, e á adhesión á Asociación Europea Partenalia, que actúa como o principal lobby de gobernos intermedios diante da Unión Europea.

Pleno da Deputación de Ourense setembro 2015

Pleno da Deputación de Ourense setembro 2015

En canto ao orzamento, as contas para 2016 confirman coa subida dos orzamentos a tendencia marcada no exercicio anterior: a recuperación da facenda provincial, sendo as prioridades os servizos sociais, o medio ambiente, a cooperación cos concellos e o desenvolvemento do Plan Ourense 15-19, cos obxectivos centrais dunha visión integral de provincia e o desenvolvemento rural sostible», afirmou o presidente do goberno provincial.

Os orzamentos recollen unha redución da amortización da débeda nun 19,37 % e igualmente unha redución dos intereses financeiros nun 81,87 %. Por áreas, as partidas de gasto en Infraestruturas será de 25,5 millóns de euros, mentres que en Augas e Medio Ambiente será de 15,1 M €, en Cultura e Deportes de 8,4 M €, e en Benestar de 7,2 M €. Asemade, o Inorde tamén ve incrementado seu orzamento, pasando de 1,4 a 1,65 M €.

Os obxectivos específicos do orzamento son o Plan Termal, a Axencia da Enerxía e do Medio Ambiente, a Competitividade e a Provincia intelixente, ámbitos nos que se enmarcan proxectos de cooperación cos concellos, como os de empregabilidade (para o que se destinan 910.000 euros) e actividades dirixidas á mocidade (540.000 euros).

A Deputación de Ourense porá en marcha o primeiro plan provincial de apoio á natalidade, para o que destinará un total de 800.000 euros, que se suplementarán en función da evolución de nacementos na provincia, e para o Plan Termal se achegarán 1.250.000 euros, mentres que para o proxecto de eficiencia enerxética e enerxías renovables, un total de 225.000 euros.

Os investimentos produtivos superarán en 2016 os 15,6 millóns de euros, e como accións diferenciadas, os orzamentos contemplan aspectos como o «Clúster» do Viño, potenciar a «Marca Ourense», o evento cultural e musical ICC week, e a internacionalización de empresas ourensás.

Para axudas públicas os orzamentos 2016 destinarán máis de 1,2 millóns de euros a ámbitos do fomento do deporte, benéfico, actividades culturais, escénicas e musicais, grupos políticos, axudas a deportistas e Rallye de Ourense.

Asemade destaca o incremento que terá cada concello dentro do Plan Provincial de Obras, con 55.500 euros para cada municipio e 26.250 para a entidade local menor de Berán, sendo o primeiro ano no que se incorpora nesta partida ao Concello de Ourense. O investimento na rede viaria provincial ascende a 2.000.000 millóns de euros, para as obras municipais destinaranse 5,1 millóns de euros, e no que atinxe ao aspecto político, para acción política provincial destinarase un presuposto de un millón de euros e para formación de cargos locais, 30.000 euros.

No que atinxe ao persoal da deputación, en 2016 o gasto será o 37,50 %, que se incrementa dous puntos con respecto a 2015 por mor dos novos postos nos grupos políticos, polo incremento do 1 % do salario dos funcionarios e polo pago do 75 % da paga extra pendente, que se aboará en xaneiro de 2016. Entre as medidas que se adoptarán en recursos humanos figuran a creación das direccións xerais de RRHH, Cultura e Deporte e Transparencia e Goberno Aberto, destacando da nova RPT a integración do Servizo de Cooperación no Servizo de Vías e Obras, a amortización de 10 prazas, 11 xubilacións, e un Plan de emprego para turismo cultural.

Outros acordos do pleno foron os seguintes:

APROBACIÓN DO CONVENIO MARCO DE COOPERACIÓN DA DEPUTACIÓN DE OURENSE COAS ENTIDADES LOCAIS DA PROVINCIA EN MATERIA DE TRANSPARENCIA E ACCESO Á INFORMACIÓN PÚBLICA

Acordo:

Aprobar o convenio marco de cooperación entre a Deputación de Ourense e as entidades locais da provincia en materia de transparencia e acceso á información pública.

Constitúe o obxecto do presente convenio o establecemento do marco regulador das accións de cooperación da Deputación Provincial de Ourense coas entidades locais da provincia en materia de transparencia, coa finalidade de garantir o pleno cumprimento, na totalidade das administracións locais da provincia, do establecido na Lei 19/2013, de 9 de decembro, de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno.

As accións de cooperación provincial na dita materia reguladas no presente convenio son as seguintes:

a) Cooperación para o cumprimento das obrigas de publicidade activa das entidades locais, mediante encomenda de xestión á Deputación, realizándose a dita publicidade activa a través do Portal da Transparencia de Ourense.

b) Prestación de asistencia xurídica e administrativa para a tramitación dos expedientes de solicitude de acceso á información pública.

Dar traslado deste acordo a todas as entidades locais da provincia, e ordenar a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica da Deputación, para xeral coñecemento.

MODIFICACIÓN DO REGULAMENTO ORGÁNICO DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE

Acordo:

1º) Aprobar inicialmente a modificación do Regulamento Orgánico da Deputación Provincial, no seguinte sentido:

Engádese un novo apartado 3 ao artigo 2, co seguinte contido:

3. Establécese, como órgano directivo da Deputación, dependendo xerarquicamente da Presidencia, unha Dirección Xeral de Recursos Humanos, coas seguintes funcións:

a) Apoio e asesoramento directo á Presidencia no deseño das políticas de recursos humanos.

b) Execución e impulso das ditas políticas

c) Xefatura directa do persoal provincial, sen prexuízo das atribucións dos deputados – delegados e da xefatura superior do persoal, que lle corresponde á Presidencia como atribución propia e indelegable.

2º) Someter a información pública o presente acordo de aprobación inicial, mediante anuncio inserido no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica da Deputación, por prazo de trinta días hábiles, durante o que calquera persoa interesada poderá formular as reclamacións e suxestións que estime oportunas. No caso de non formularse alegacións, entenderase automaticamente elevado a definitivo o acordo de aprobación inicial. No caso de formularse, as alegacións deberán ser obxecto de resolución expresa e motivada polo Pleno.

Unha vez aprobada definitivamente a modificación do Regulamento Orgánico, procederase á publicación do texto íntegro consolidado resultante da dita modificación no Boletín Oficial da Provincia, para a súa entrada en vigor.

ADHESIÓN Á REDE DE ENTIDADES LOCAIS PARA A TRANSPARENCIA E PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Acordo:

– Solicitar a adhesión da Deputación Provincial de Ourense á Rede de Entidades Locais para a transparencia e participación cidadá da Federación Española de Municipios y Provincias, como socio titular, de acordo co disposto no artigo 8 das Normas de funcionamento e organización desta e cumprir os seus fins estatutarios.

APROBACIÓN INICIAL DA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO 2016

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente a Relación de Postos de Traballo 2016 do persoal da Deputación Provincial de Ourense, segundo a proposta da Presidencia de data 16 de setembro de 2015.

2º.- Someter a información pública, durante o prazo de 20 días hábiles, o documento inicialmente aprobado, mediante anuncio no BOP, para a formulación de alegacións ou reclamacións. Se transcorrido o prazo de información pública non se formulan alegacións ou reclamacións, entenderase automaticamente aprobada de forma definitiva. Se se formulan alegacións ou reclamacións estar serán resoltas polo Pleno.

APROBACIÓN EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DE CRÉDITOS 4/2015

Acordo: Aprobar a modificación de créditos do expediente.

De acordo co artigo 169 da Lei reguladora das facendas locais, por remisión do artigo 177.2 do mesmo texto legal, o expediente será exposto ao público, tras o anuncio no Boletín Oficial da Provincia, por 15 días, durante os cales os interesados poderán examinalo e presentar reclamacións ante o Pleno.

O expediente considerarase definitivamente aprobado se durante o citado prazo non se presentasen reclamacións.

MODIFICACIÓN DA ORDENANZA XERAL DE SUBVENCIÓNS DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE

Acordo:

Aprobar inicialmente a modificación da Ordenanza xeral de subvencións da Deputación Provincial de Ourense, nos seguintes termos:

1º) Modifícase o artigo 5, suprimindo a referencia ao Diario Oficial de Galicia.

2º) Modifícase o artigo 7.3.a), substituíndo a referencia ao Diario Oficial de Galicia por unha referencia ao Boletín Oficial da Provincia de Ourense.

3º) Modifícase o 7.3.e), engadindo ao texto actual o seguinte: «Igualmente, as bases poderán habilitar á comisión de valoración para establecer un mínimo de puntuación como requisito para a obtención da condición de beneficiario».

4º) Modifícase o artigo 9.2, dándolle nova redacción, nos termos seguintes:

«A contía global das subvencións nominativas que teñan por finalidade o financiamento de investimentos de entidades locais da provincia non poderán exceder do 50 % do importe total da suma dos capítulos IV e VII».

5º) Engádese un apartado c) no artigo 15.1, coa seguinte redacción: «Nos termos e condicións que establezan as bases reguladoras do concurso ou os acordos de concesión de subvencións será asumible a xustificación e pagamento parcial da subvención concedida».

6º) Modifícase o artigo 15.2.b), engadindo o seguinte texto: «O disposto neste apartado non será de aplicación ás subvencións que non teñan por obxecto a execución de proxectos ou programas de actividades concretos, tales como as subvencións destinadas ao financiamento dos gastos ordinarios de funcionamento do beneficiario. Nestes supostos, para considerar totalmente xustificada a subvención abondará con que o gasto xustificado sexa igual ao importe da subvención concedida, agás que as bases reguladoras ou o acto de concesión establezan un límite inferior».

7º) Modifícase o artigo 16.2, no senso de substituír a referencia ao 2 % dos recursos ordinarios do orzamento da entidade local solicitante polo 10 %.

8º) Modifícase a Disposición derradeira, no senso se fixar a entrada en vigor da Ordenanza modificada o 1 de xaneiro de 2016.

Segundo: Someter a información pública o presente acordo de aprobación inicial, mediante anuncio inserido no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica da Deputación, por prazo de trinta días hábiles, durante o que calquera persoa interesada poderá formular as reclamación e suxestións que estime oportunas. No caso de non formularse alegacións, entenderase automaticamente elevado a definitivo o acordo de aprobación inicial. No caso de formularse, as alegacións deberán ser obxecto de resolución expresa e motivada polo Pleno.

Unha vez aprobada definitivamente a modificación da Ordenanza, procederase á publicación do texto íntegro consolidado resultante da dita modificación no Boletín Oficial da Provincia, para a súa entrada en vigor.

APROBACIÓN INICIAL DO ORZAMENTO XERAL DA DEPUTACIÓN DE OURENSE PARA O EXERCICIO 2016

Acordo:

1º.- Aproba-lo orzamento xeral da Deputación provincial de Ourense para o ano 2016, co detalle que figura nos resumos seguintes:

A) ENTIDADE LOCAL.-

Estado de gastos

Capítulo 1.- Gastos de persoal 29.191.089,68€

Capítulo 2.- Gastos correntes en bens e servizos 18.289.624,64 €

Capítulo 3.- Gastos financeiros 189.916,55 €

Capítulo 4.- Transferencias correntes

Capítulo 5.- Fondo de continxencia 10.012.145,75 €

100.000,00 €

Capítulo 6.- Investimentos reais 15.713.250,00€

Capítulo 7.- Transferencias de capital 1.290.500,00 €

Capítulo 8.- Activos financeiros 300.000,00 €

Capítulo 9.- Pasivos financeiros 2.613.473,38 €

TOTAL GASTOS…… 77.700.000,00 €

Estado de ingresos

Capítulo 1.- Impostos directos 4.340.000,00 €

Capítulo 2.- Impostos indirectos 3.900.000,00 €

Capítulo 3.- Taxas, prezos públicos e outros ingresos 5.807.202,25 €

Capítulo 4.- Transferencias correntes 61.481.935,00 €

Capítulo 5.- Ingresos patrimoniais 224.862,75 €

Capítulo 6.- Alleamento de investimentos reais 21.000,00 €

Capítulo 7.- Transferencias de capital 1.625.000,00 €

Capítulo 8.- Activos financeiros 300.000,00 €

TOTAL INGRESOS… 77.700.000,00 €

B) INORDE.-

Estado de gastos

Capítulo 1.- Gastos de persoal 932.583,33€

Capítulo 2.- Gastos correntes en bens e servizos 579.518,67€

Capítulo 4.- Transferencias correntes

Capítulo 6.- Investimentos reais

Capítulo 7.- Transferencias de capital 300.000,00 €

94.898,00 €

1.500.000,00

TOTAL GASTOS…….. 3.407.000,00 €

Estado de ingresos

Capítulo 3.- Taxas, prezos públicos e outros ingresos 13.030,00 €

Capítulo 4.- Transferencias correntes 1.833.653,00 €

Capítulo 5.- Ingresos patrimoniais

Capítulo 7.-Transferencias de capital 28.368,00 €

1.531.949,00€

TOTAL INGRESOS…..

3.407.000,00 €

2º.- Aprobar as Bases de Execución do Orzamento Xeral, segundo figuran no expediente.

3º.- Aprobar os cadros de persoal, que se dividen en persoal funcionario, laboral e eventual, de acordo co art.126 do Texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, aprobado por Real decreto lexislativo 781/1986.

4º.- De acordo co art. 169 da LRFL, o orzamento xeral será exposto ao público, previo anuncio no boletín oficial da provincia, por 15 días, durante os cales os interesados poderán examinalos e presentar reclamacións ante o Pleno. O orzamento considerarase definitivamente aprobado se durante o citado prazo non se presentasen reclamacións.

INFORME FAVORABLE DA CONTA XERAL DO EXERCICIO 2014

Acordo:

1º.- Emitir informe favorable á conta xeral do exercicio 2014, conforme co establecido no artigo 212.2 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, co seguinte detalle:

Primeiro.- Conta Xeral da Deputación Provincial de Ourense do exercicio 2014, da que se obteñen os seguintes datos:

• Resultado orzamentario axustado: 22.409.080,12 €

• Remanente de tesourería para gastos xerais: 24.156.617,10 €

• Balance: 574.012.615,46 €

Segundo.- Conta Xeral do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico do exercicio 2014, da que se obteñen os seguintes datos:

• Resultado orzamentario axustado: 22.409.080,12 €

• Remanente de tesourería para gastos xerais: -452,69 €

• Balance: 17.202.656,09 €

2º.- Que a Conta xeral co presente informe sexa exposta ao público por prazo de quince días, durante os cales e oito máis, segundo o previsto no artigo 212.3 da LRFL, os interesados poderán presentar reclamacións, reparos ou observacións. En caso de que non se formulen, someterase ao Pleno da Corporación sen necesidade de novo informe.

MODIFICACIÓN DO PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS E DA REDE VIARIA PROVINCIAL DO EXERCICIO 2015, RELATIVA ÁS OBRAS MUNICIPAIS DO CONCELLO DE CASTRELO DE MIÑO

Acordo:

Modificación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2015 relativa ás obras municipais do concello de Castrelo de Miño, do xeito que segue:

– Incrementando en 10.497,30 € o orzamento consignado para a execución da obra n.º 24/POS/2015 «Reforma integral da escola de Noallo de Abaixo para centro veciñal», fixando o dito orzamento na cantidade de 60.497,30 €, cunha achega da deputación polo importe de 25.000,00 €.

– Incorporando ó plan principal –en substitución da obra n.º 25/POS/2015 denominada «1ª fase velorio municipal de Castrelo de Miño»- a obra denominada «Acondicionamento da planta alta do centro médico de Prado de Miño para usos municipais» cun orzamento total de execución de 54.500,00 € e unha achega da deputación polo importe de 25.000,00 €.

MODIFICACIÓN DO PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS E DA REDE VIARIA PROVINCIAL DO EXERCICIO 2015, RELATIVA Á OBRA MUNICIPAL N.º 3/POS/2015 DO CONCELLO DE AMOEIRO

Acordo:

Acordar a modificación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2015 no relativo ó concello de Amoeiro, incorporando ó plan principal –en substitución da obra n.º 3/POS/2015 denominada «Colocación de bombas en depósito intermedio de bombeo de Amoeiro»- a obra denominada «Mellora de infraestruturas de abastecemento no concello de Amoeiro» cun orzamento total de execución de 22.000,00 €.

ACEPTACIÓN DA DELEGACIÓN DE COMPETENCIA SOLICITADA POLO CONCELLO DE PORQUEIRA PARA A EXPROPIACIÓN FORZOSA DOS BENS AFECTADOS POLA OBRA DE CONSTRUCCIÓN DE » PISCINA MUNICIPAL EN A FORXA (SEPARATA VESTIARIOS E EDIFICIO AUXILIAR)», CLAVE: PEID/2001

Acordo:

1) Aceptar a delegación de competencias solicitada polo Concello de Porqueira para a tramitación do expediente expropiatorio para a execución da obra de construción de «piscina municipal na Forxa (separata vestiarios e edificio auxiliar)», clave PEID/2001.

2) Comunicarlle ao Concello de Porqueira que lle corresponderá aboar as indemnizacións que se deriven da tramitación do expediente expropiatorio, así como os gastos dos anuncios que se deriven deste, como beneficiario da expropiación.

APROBACIÓN DAS BASES PARA A ELABORACIÓN E EXECUCIÓN DO PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS E DA REDE VIARIA PROVINCIAL PARA O EXERCICIO 2016

Acordo:

Aprobar as bases para a elaboración e execución do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais e da Rede Viaria Provincial para o exercicio 2016.

Constitúe o obxecto das presentes bases a regulación dos procedementos de elaboración e execución do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais e da Rede Viaria Provincial para o exercicio 2016.

Ordenar a publicación das bases no BOP de Ourense, para coñecemento das concellos e entidades locais interesados.

ADHESIÓN DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE Á ASOCIACIÓN EUROPEA PARTENALIA

Acordo:

1º.- Solicitar a adhesión da Deputación Provincial de Ourense, como membro de pleno dereito, á Asociación Partenalia.

2º.- Manifestar a conformidade desta entidade cos compromisos e obrigacións recollidos nos estatutos de Partenalia, os cales se aproban de xeito expreso.

3º.- Designar como representes desta Deputación nos órganos de Partenalia ás seguintes persoas:

– No Consello Político: J. Manuel Baltar Blanco, Presidente da Deputación e como suplente a Rosendo L. Fernández Fernández, Vicepresidente 1º.

– Na Comisión de Seguimento: José Juan Cerdeira Lois, director da Área de Benestar da Deputación Provincial.

INCOACIÓN DE EXPEDIENTE DE RESOLUCIÓN DO CONTRATO ADMINISTRATIVO ESPECIAL PARA A PRESTACIÓN DO SERVIZO DA ESCOLA DE EQUITACIÓN DE VILAMARÍN ASINADO ENTRE A DEPUTACIÓN DE OURENSE E A MERCANTIL EQUUS-OURENSE, SL

Acordo:

1.- Incoar expediente de resolución do contrato administrativo especial para a prestación do servizo da Escola de Equitación de Vilamarín por incumprimento culpable do contratista Equus-Ourense SL, consistente na falta de pago do canon ofertado e de incumprimento da oferta que serviu de base para a adxudicación, todo isto nos termos que constan no expediente de execución do contrato.

De conformidade co establecido no artigo 225.3 do Texto refundido da Lei de contratos do sector público, a resolución por incumprimento culpable do contratista implicará que este deberá indemnizar á administración provincial polos danos e perdas ocasionadas, estimándose inicialmente estas no importe do canon adebedado. A indemnización farase efectiva sobre a garantía do contrato constituída no seu día, sen prexuízo da subsistencia da responsabilidade do contratista polo importe que exceda da garantía incautada, de ser o caso.

Para estes efectos, a resolución que poña fin ao procedemento conterá un pronunciamento expreso sobre a indemnización derivada da resolución do contrato, en caso de acordarse esta última, así como sobre a procedencia da perda, devolución ou cancelación da garantía.

2.- Conceder audiencia, na súa condición de interesada no expediente, a Equus-Ourense, SL co fin de que durante o prazo improrrogable de dez (10) días naturais, contados desde o seguinte ao da recepción da notificación deste acordo de incoación, poida formular as alegacións e achegar cantos documentos e xustificantes conveñan ao seu dereito, de conformidade co disposto no artigo 109.1.a) do Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas.

3.- Incorporar ao expediente copia da constitución da garantía definitiva constituída polo contratista, e dar audiencia ao avalista ou asegurador polo mesmo prazo, se procede.

APROBACIÓN DA MOCIÓN DE APOIO ÁS PERSOAS REFUXIADAS E MIGRANTES EN EUROPA

Acordo:

«O Pleno da Deputación de Ourense insta:

Colaborar dun xeito coordinado para ofrecer unha resposta unificada, conxunta e solidaria a esta crise humanitaria, e en especial á Xunta de Galicia, e á Fegamp, para que en colaboración coas ONG´s con presenza en Galicia elaboren e executen un plan de acollida para as persoas refuxiadas poñendo á súa disposición os recursos asistenciais dispoñibles para facer posible a súa acollida e integración.

Seguir impulsando unha verdadeira política europea, común e integral, de inmigración e asilo, que debe contar con recursos financeiros suficientes.

Reforzar a capacidade de resposta da Unión Europea ante situacións de emerxencia, como a que estamos a vivir.

Impulsar a dotación de fondos europeos para reforzar e concentrar os esforzos de cooperación nos países de orixe e, en particular, dun Fondo Fiduciario Europeo para a axuda financeira aos países de África, inspirado nunha proposta realizada polo Goberno de España.

Dar prioridade ao diálogo e a cooperación cos países de orixe e tránsito, así como cos países limítrofes das zonas de conflito na acollida de refuxiados.

Colaborar cos países de tránsito para a protección das súas fronteiras e loitar contra as mafias que se lucran con esta traxedia humana.

Traballar xuntos en cantas iniciativas nos permitan lograr a paz e a estabilidade nos lugares de orixe dos refuxiados.

ACORDAR O CAMBIO DE DATA DA SESIÓN DO MES DE OUTUBRO DE 2015

Acordo:

Fixar a data de celebración do Pleno ordinario do mes de outubro, do seguinte xeito:

Pleno ordinario: día 29 de outubro, xoves, ás 10.00 horas.

 

También te podría gustar...