A Deputación de Ourense presenta o primeiro programa transfronteirizo de termalismo España-Portugal

Juan Jiménez, Manuel Baltar e Carlos Penas

 

A Deputación de Ourense é o primeiro goberno provincial que pon en marcha un programa de termalismo social transfronteirizo España-Portugal, permitindo aos residentes da eurocidade Chaves-Verín beneficiarse do programa de Termalismo Saudable “Ourense, a provincia termal” que desenvolve a institución provincial, e que ofrece tratamentos termais, servizos médicos e actividades socio-culturais nas instalacións balnearias da provincia de Ourense.

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar asinou hoxe na sede da eurocidade co alcalde de Verín, Juan Jiménez, e co vicepresidente da Cámara Municipal de Chaves, Carlos Penas, o convenio de colaboración que permitirá aos cidadáns portugueses residentes en Chaves participar do programa de Termalismo Saudable en igual condición que os empadroados en calquera municipio da provincia de Ourense, en virtude da súa pertenza á eurocidade Chaves-Verín.

O Programa de Termalismo Saudable 2015 significa a extensión por primeira vez dunha política social desenvolvida por unha administración provincial española aos cidadáns do país veciño en base da súa pertenza a unha Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) como é a eurocidade Chaves-Verín.

En opinión de Manuel Baltar, “esta iniciativa supón un impulso máis ao desenvolvemento dun sector estratéxico para a provincia de Ourense como é o Termalismo, unha aposta inequívoca do goberno provincial por potenciar unha das nosas singularidades, e agora, coa internacionalización da nosa riqueza termal, favoreceremos a promoción non só do noso termalismo senón tamén do noso patrimonio, turismo, gastronomía e medio natural”.

A igualdade de trato entre os cidadáns empadroados en calquera municipio de Ourense e os cidadáns residentes en Chaves-Verín, que recolle o Programa de Termalismo Saudable, é coherente coa asunción do concepto das Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial, “unha identidade xurídica que facilita o recoñecemento da nova dimensión transfronteiriza para aproveitar as oportunidades que esta situación de privilexio xeográfico concede aos residentes de ámbolos dous lados da fronteira”, explica Manuel Baltar.

También te podría gustar...