A Deputación de Ourense presenta o maior remanente de Tesourería da súa historia: 25 millóns de euros
Manuel Baltar deu a coñecer hoxe o balance de datos económicos de 2014, que reflicten unha redución de máis de 70 puntos no endebedamento: do 116 % ao 34 %
O presidente anunciou que os orzamentos de 2016, que se aprobarán por primeira vez nun mes de setembro, prevén un incremento de entre 1 e 5 puntos
O período de pago medio a provedores tamén experimentou unha importante redución, pasando de 180 días en 2011 a 12 días na actualidade
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe os datos económicos da institución provincial correspondentes á liquidación dos orzamentos de 2014, salientando que a Deputación de Ourense “presenta o maior remanente de Tesourería da súa historia: 25.052.636 euros, e unha redución de máis de 70 puntos no endebedamento, que pasa do 116 % en 2011 a menos do 40 %, e coa estimación de sitúalo no rango do 34 % no vindeiro mes de maio, cando remate a lexislatura”.
O presidente do goberno provincial avanzou tamén que os orzamentos de 2016 –os primeiros que se aprobarán nun mes de setembro- incrementaranse entre 1 e 5 puntos con respecto aos de 2015. “Todos estes datos positivos no ámbito económico prodúcense froito do gran labor desenvolvido polos funcionarios da Deputación de Ourense –dixo Baltar-, que interpretaron perfectamente as directrices políticas do Plan de xestión e estratexia operativa da institución provincial, o Plan OURENSE 92, un traballo que fixo posible a recuperación da facenda provincial cunha xestión máis eficiente e abranguendo máis competencias con menos persoal, para que a Deputación actúe como un verdadeiro ente fusionador de servizos en favor dos concellos e como interlocutor con outras administracións, tendo a palabra “Cooperación” como clave do noso labor institucional”.
Manuel Baltar detallou os datos económicos da Deputación (cuxo orzamento en 2014 foi de 73,7 millóns de euros) explicando que o resultado orzamentario é de 22.409.080 euros e que o remanente de Tesourería (25 millóns de euros) incrementouse nestes últimos anos máis dun 300 %: en 2011 foi de 14,9 millóns, en 2012 de 12,4 millóns, e en 2013 de 16,4 millóns, ata chegar aos 25 millóns de euros en 2014.
Os fondos líquidos en contas correntes da Deputación ascenden a 25.028.229 euros e os dereitos pendentes de cobro (as obrigas de pago doutras administracións coa Deputación de Ourense) suman a 31 de decembro de 2014 un total de 13.785.720 euros. Asemade, o presidente provincial destacou que o período de pago medio a provedores tamén experimentou unha importante redución, pasando de 180 días en 2011 a 12 días na actualidade.
Baltar dixo que corresponderá ao novo goberno provincial, que tomará posesión en xuño, decidir os proxectos e iniciativas aos que se destinará o remanente de Tesourería, como tamén o desenvolvemento de novas accións de innovación e impulso económico da provincia de Ourense no marco dos fondos comunitarios, entre as que citou os catro “proxectos clave” que, na súa opinión, se plantexarán á Unión Europea: o Plan “Ourense, a provincia termal”, a Axencia Provincial da Enerxía e do Medio Ambiente, o Plan de innovación “Provincia Intelixente” e o Plan de Competitividade para pequenas e medianas empresas da provincia de Ourense.