A Deputación de Ourense presenta o libro Antón Risco, con nome propio, un percorrido de 50 anos de amizade entre Arturo Lezcano e o escritor
A Deputación de Ourense e a Fundación Vicente Risco presentaron hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” a obra Antón Risco, con nome propio, da que é autor o xornalista Arturo Lezcano (Ourense, 1939). O libro recolle as vivencias de cincuenta anos de amizade entre o autor e Antón Risco, facendo un percorrido pola súa infancia, etapa académica e as súas memorias como emigrante, ademais de narrar a súa relación con persoeiros como Valente, Virxilio, Julio López Cid e José Eduardo Valenzuela.
O acto contou coa participación do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar; o autor do libro e o presidente da Fundación Vicente Risco, Luis Martínez-Risco Daviña. Baltar dixo que o apelido Risco “é clave na historia de Ourense e na súa universalidade”. Coincidindo estes días co 17 aniversario do pasamento de Antón Risco a Deputación de Ourense e a Fundación Risco “presentamos este libro que nos amosa dende diferentes perspectivas a obra e a traxectoria vital de Antón Risco como profesor, emigrante, amigo dos seus amigos e literato”, e engadiu Baltar: “Temos a obriga de seguir poñendo en valor o apelido Risco, unido aos nomes de Vicente e Antón porque con eles difundimos tamén a esencia, a personalidade e a historia da provincia de Ourense”.
Manuel Baltar agradeceu tamén á Fundación Vicente Risco o labor que desenvolve a prol da difusión da obra de Vicente e Antón Risco, e pola súa banda o presidente da fundación destacou a importancia da colaboración coa Deputación de Ourense “porque nos permite non só valorizar o traballo investigador dos Risco senón tamén modernizar o seu pensamento”, explicou Luis Martínez-Risco.
Arturo Lezcano dixo que o obxectivo do libro hoxe presentado “é que a xente coñeza a verdadeira fondura e importancia da obra de Antón Risco, tendo como fío condutor as vivencias de case cincuenta anos da amizade que mantiven con el”. Lezcano subliñou o amor de Antón pola súa provincia “da que dicía: “Ourense ten espírito fino”, referíndose a que, a pesares dos problemas e das crises, a xente da nosa terra sempre aboia”.
O libro recolle testemuñas e colaboracións de xornalistas, escritores, amigos e mesmo familiares de Antón Risco, entre as que destacan as achegas da súa dona, de Franklin García Sánchez, Francisco Xavier Charlín Pérez ou Camilo Franco. “Para min Antón Risco foi o irmán que nunca tiven –explica Lezcano-, polo cal, este libro, é de investigación pero tamén de sentimento, ao que seguirán outras publicacións pois se foi moita a súa produción literaria coñecida tamén o é a que está inédita, pois Antón Risco ten escrito unha ducia de romances aínda pendentes de publicar”.
O autor
Arturo Lezcano estudiou Dereito e Xornalismo en Madrid e iniciou a súa relación coa cultura galega na tertulia ourensá de Vicente Risco. Nos anos sesenta desenvolveu unha ampla actividade no mundo dos cine clubes, que rememora no seu libro Ourense, Cittá aperta (1999), aínda que profesionalmente se dedicou desde moi novo ao xornalismo. Traballou en Diario de Ferrol, La Región e La Voz de Galicia, xornal no que foi o primeiro xornalista galego en asumir o cargo de “Amigo do Lector”. En 1987 recibiu o Premio de Xornalismo de Galicia e en 1991 obtivo o Premio Julio Camba. Da súa obra de narración e ensaio destacan: Os dados de Deus (1994), Só os mortos soterran seus mortos (2001), Risco segundo Risco (2013) e a Antoloxía da literatura fantástica en lingua galega (1991). Na actualidade é vicepresidente da Fundación Vicente Risco.