A Deputación de Ourense presenta a exposición “Periferias da fotografía na Colección Alcobendas”
- A inauguración da mostra terá lugar esta tarde, ás 20.15 horas, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”
A sala de exposicións do Centro Cultural “Marcos Valcárcel” estrea nova exposición: “Periferias da fotografía na Colección Alcobendas”. A inauguración da mostra terá lugar esta tarde, ás 20.15 horas, no Centro Cultural. O acto de presentación contou coa presenza do director do Centro Cultural, Francisco González; o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar; e os curadores da mostra, José María Díaz-Maroto e Vítor Nieves.
Francisco González asegurou que ter esta exposición no Centro Cultural “é un pracer pois é unha parte dunha das mellores coleccións de fotografía contemporánea que se poden ver hoxe no noso país”, e engadiu, “xa o ano pasado intentamos ter esta exposición aquí pero por diferentes cuestións burocráticas non foi posible ata agora”.
Pola súa banda, José María Díaz-Maroto, que agradeceu estar en Galicia, afirmou que “esta exposición é a máis importante da Colección Alcobendas que se fixo en Galicia”. José María tamén fixo alusión a labor de comisariado que se fixo para esta exposición “coa intención de contar algo máis ca reunión dunha serie de fotografías e de nomes. É certo que hai nomes de moito prestixio, concretamente hai cinco premios nacionais nesta exposición pero, o importante é a coherencia, o sentido que ten, o achegamento á intención do contido do Festival”.
Nesta exposición están presentes imaxes que son fotogramas das cales non existe un negativo, son orixinais. Outra das obras son emulsión sobre area, é dicir, a base fotográfica é un lenzo que posteriormente se lle incluíu area e logo emulsionouse fotográficamente. Nesta mostra atópanse tanto a peza máis grande da colección de Gonzalo Puch, e a peza máis pequena, de 10cm de diámetro, de Eduardo Cortils.
A inauguración da mostra que terá lugar esta tarde, ás 20.15 horas, realizarase “unha pequena visita guiada por cada unhas das fotografías que compoñen esta exposición para coñecer a historia de cada unha delas”, asegurou Vítor Nieves.
O Outono Fotográfico que leva realizándose dende hai 33 anos, é “unha das actividades culturais máis importantes que se celebran na nosa cidade cunha transcendencia importante fóra dos límites da provincia”, afirmou o asesor de cultura da Deputación.
A Colección Alcobendas que nace fai 22 anos e que se mantivo ao longo do tempo está composta por 850 fotografías de 153 fotógrafos españois.