A Deputación de Ourense pon en marcha Escolas Deportivas en 15 concellos da provincia
- É a primeira iniciativa destas características que impulsa a Deputación nos municipios da provincia, e inicialmente estará destinada á formación deportiva de nenos e mozos de entre 6 e 18 anos nas modalidades de fútbol, balonmán, judo e xadrez.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe as Escolas Deportivas da Deputación, primeira iniciativa destas característica que promove o goberno provincial nos concellos de Ourense para fomentar e favorecer a práctica deportiva entre os nenos e nenas da provincia e achegar máis o deporte de base aos concellos. En concreto, inicialmente serán 15 os municipios da provincia de Ourense adscritos a este programa nos que a poboación infantil e xuvenil destes concellos, con idades de entre 6 e 18 anos, poderá practicar as disciplinas deportivas de fútbol, balonmán, judo e xadrez. A achega económica da Deputación para o desenvolvemento desta actividade é de 35.000 euros.
A presentación das Escolas Deportivas da Deputación de Ourense tivo lugar no Pazo Provincial, e xunto a Manuel Baltar participaron os delegados provinciais das federacións galegas de fútbol, balonmán e judo, Raúl Rois, José Manuel Pérez e Manuel Montero, respectivamente; o director do Club Xadrez Ourense, Elías González, e o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González.
Manuel Baltar afirmou que esta iniciativa «está incluída no Plan Ourense 15-19 e ten como obxectivo promover o deporte federado entre os máis novos, coa coordinación do goberno provincial, os concellos e as respectivas federacións deportivas». «É a primeira vez, subliña o presidente da Deputación, «que o goberno provincial pon en marcha escolas deportivas na provincia, dentro desa estratexia de visión integral de provincia que estamos a desenvolver coa máxima de asistir e cooperar cos concellos ourensáns».
Baltar destacou o labor levado a cabo nesta acción por parte de Bernardino González para facer realidade esta nova canle de colaboración deportiva, da que destacou «a importancia de crear canteira deportiva para que sexa o complemento perfecto para o deporte de elite na nosa provincia, que este ano terá grandes fitos salientables como son a «Vuelta a España», da que Ourense será a gran protagonista denominándose esta proba ciclista «Ourense Termal – Madrid», e mesmo seguir sendo a nosa provincia un referente internacional no mundo do remo, coa preparación que deportistas olímpicos e campións mundiais levan a cabo no Centro de adestramento de remo de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño». Tamén se referiu Manuel Baltar ao feito de que Ourense será na vindeira tempada «unha das 14 provincias das 50 de España que contará cun equipo -o COB- na ACB, a competición de baloncesto máis importante de Europa».
Pola súa banda os representantes das federacións deportivas agradeceron á Deputación de Ourense que lidere esta iniciativa das escolas deportivas para garantir a permanencia, formación e desenvolvemento da canteira de deportistas.
Os interesados poden formalizar desde hoxe as súas inscricións a través das federacións galegas de fútbol, balonmán e judo e no Club Xadrez Ourense, ou ben nos 15 concellos que participan no programa: Esgos, Leiro, O Carballiño e San Cibrao das Viñas (nos que se impartirá a modalidade de Xadrez); Cortegada, Maceda, Maside e Xunqueira de Ambía (Balonmán); Bande, Cea, Muíños e Pereiro de Aguiar (Fútbol) e A Merca, Amoeiro e Baños de Molgas (Judo). O custe para cada participante será de 9 euros.