A Deputación de Ourense e a Academia Arxentina das Letras editarán a obra de Francisco Luís Bernárdez

1 1 1 1 1 1 1 1 MB e JL Moure

 

A Deputación de Ourense e a Academia Arxentina das Letras traballarán conxuntamente para editar a obra do xornalista, poeta, diplomático e galeguista Francisco Luís Bernárdez, a quen se lle dedicou este ano a VII «Festa da Palabra» que o pasado sábado se celebrou na Insua dos Poetas, na Esgueva (Madarnás, O Carballiño). Así o acordaron hoxe na reunión que mantiveron no Pazo Provincial o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o presidente da Academia Arxentina das Letras, José Luis Moure, quen estivo acompañado pola súa dona, Alejandra, e polo poeta e presidente do PEN Galicia, Luís González Tosar.

O encontro tivo lugar no despacho do presidente do goberno provincial, onde o doutor Moure asinou no Libro de Honra da Deputación de Ourense. Na reunión, Manuel Baltar explicoulle os proxectos que nos ámbitos culturais e da emigración está a desenvolver a institución provincial, en concreto os referidos ao Museo Galego da Emigración e á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial, proxectos que contan co apoio de José Luis Moure, quen é precisamente fillo dun ourensán de Banga e que estes días «vive unha volta ás orixes», como el mesmo definiu a súa viaxe a Galicia.

Moure interveu o pasado sábado na VII Festa da Palabra, unha celebración na que se reivindicou a figura de Francisco Luís Bernárdez (Bos Aires 1900-1978). A súa vida e obra recóllese agora nun libro no que varios autores rescatan do esquecemento a este ilustre galeguista, e como afirmou o poeta e presidente do Pen Galicia, Luís González Tosar, coordinador da publicación, «é de necesidade manter viva a lembranza de quen fixo tanto pola nosa lingua e pola nosa cultura». O volume que recolle a traxectoria vital e profesional de Bernárdez é unha edición que conta co apoio da Deputación de Ourense, da Xunta e do Pen Galicia.

También te podría gustar...