A Deputación de Ourense, destacada entre institucións nacionais e internacionais polo seu código ético
O doutor en Dereito e prestixioso xurisconsulto, Rafael Jiménez Asensio, inclúe á Deputación de Ourense entre as institucións nacionais e internacionais «que están a dar pasos importantes na implantación de códigos éticos e de conducta nas administracións públicas», e cita á institución ourensá como impulsora de normas éticas e de conducta no ámbito local xunto co Consello de Europa e a Asociación de Municipios Vascos (Eudel), ademais da Lei de Transparencia de Cataluña, se ben explica que no ámbito parlamentario «as Cámaras tanto estatais como autonómicas seguen sen sumarse a esta oleada que ten penetrado en institucións representativas e que xa non ten marcha atrás».
Jiménez Asensio, profesor de Dereito Constitucional na Universidade Pompeu Fabra, afirma nun artigo que titula «¿Códigos de conducta para los parlamentarios?» (http://rafaeljimenezasensio.com/) que os códigos de conducta das Cámaras parlamentarias tiveron o seu inicio en Estados Unidos e noutros países anglosaxóns, e cita como exemplo a Canadá, onde se aprobaron entre 2004 e 2005 códigos de conducta para a Cámara dos Comúns e para o Senado, «cuns resultados satisfactorios no que se refire á mellora da imaxe das institucións e o control dos conflitos de intereses».
Sinala Jiménez Asensio que o Parlamento Europeo tamén aprobou, en 2011, un código de conducta que regula os intereses económicos e financeiros dos parlamentarios, ao igual que Francia, que puxo en práctica un código deontolóxico para a Asamblea Nacional. «Nas democracias avanzadas, os códigos de conducta das Cámaras detallan regulacións do que pode ou non pode facer un parlamentario no que se refire a conflitos de intereses (especialmente económicos), actividades de consultoría, relacións con lobbies ou empresas e obtención de beneficios, regalos, viaxes e convites. Todo iso debe ser público e coñecido pola cidadanía».
Conclúe o profesor Jiménez Asensio que sería convinte que as Cortes Xerais e as asambleas das Comunidades Autónomas, así como os órganos de representación das entidades locais, «se puxeran mans á obra antes de que a imaxe pública destas institucións se deteriore», e engade que non vale «co reproche derivado dunha «ética difusa»; debemos dar pasos decididos cara a unha «ética codificada» nos Parlamentos».