A Deputación de Ourense convoca o II Premio “Estatuto de Autonomía de Galicia de debuxo e redacción escolar”
A Deputación de Ourense ven de convocar o II Premio “Estatuto de Autonomía de Galicia de debuxo e redacción escolar”, no que poden participar alumnos de educación Infantil, Primaria, educación Especial e ESO de centros de ensino xeral tanto públicos como concertados e privados da provincia de Ourense. A presentación de traballos, artísticos e literarios, remata o 18 de marzo, e os premios entregaranse nun acto que se celebrará no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense o día 6 de abril, conmemorando o Día do Estatuto de Autonomía de Galicia.
O lema desta edición, segundo recollen as bases aprobadas pola Xunta de Goberno da Deputación é: “O Estatuto de Autonomía de Galicia: recoñecemento dunha nacionalidade histórica”. Os alumnos participantes realizarán os seus traballos de xeito individual.
En canto ás modalidade, os alumnos de educación Infantil, Primaria e de educación Especial presentarán un debuxo ou traballo artístico que deberá facer referencia ao lema do concurso. Será presentado nun folio ou cartolina en branco, tamaño A4, non terá relevos e a técnica a empregar será libre.
Pola súa banda, os alumnos de Ensino Secundario Obrigatorio (ESO) deberán presentar unha redacción sobre o Estatuto de Autonomía de Galicia, cunha extensión mínima de sete folios e máxima de doce, escrita en galego, a man ou en ordenador, por unha soa cara e a dobre espazo. Se o traballo se fai en ordenador o tipo e tamaño de letra será Arial 12. O traballo literario poderá ser ampliado ou complementado con fotografías, recortes de prensa, etc.
Os traballos poderán presentarse en papel ou en soporte electrónico cunha tecnoloxía que permita a súa visualización nun entorno Windows. O autor poderá entregar un CD/DVD coas aplicacións reinstaladas que permitan a visualización sen ningún tipo de instalación en disco.
Os traballos poderán ser presentados individualmente polos alumnos ou os seus representantes legais, ou de forma colectiva polos responsables dos centros docentes. Os traballos deberán presentarse no Rexistro Xeral da Deputación de Ourense ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, ata as 14 horas do día 18 de marzo de 2015.
No caso dos traballos dos alumnos de educación Infantil, Primaria e educación Especial, figurará no reverso do traballo o nome do estudante, idade, enderezo familiar, teléfono fixo e móbil se o tivera, colexio e curso.
Os debuxos presentados polos centros de estudos entregáranse xuntos nun sobre no que figure no exterior o nome do colexio e dirección do mesmo.
No caso dos alumnos de ESO figurarán nun folio separado do traballo os datos do autor: nome, idade, enderezo, teléfono fixo e móbil si o tiveran, colexio e curso. Se o soporte fose electrónico estes datos deberán figurar nun folio ou etiqueta que non vaia pegada ao CD/DVD.
O xurado encargado de cualificar os traballos presentados estará presidido polo presidente da Deputación de Ourense, sendo vicepresidente o deputado da Área de Cultura e vogais un deputado de cada un dos grupos políticos con representación no Pleno da Deputación, designado por estes. Actuará como secretaria do xurado a xefa da Sección de Arquivo e Publicacións da Deputación, con voz pero sen voto e coas atribucións propias dun secretario de actas.
Na modalidade de debuxo (educación Infantil, Primaria e Educación especial) premiaranse os 3 mellores debuxos de cada un dos niveis educativos con diploma, unha colección de libros e material audiovisual. Na ESO premiaranse os 3 mellores traballos de redacción con diploma, unha colección de libros e material audiovisual. Poderá declararse deserto algún premio se o xurado o considera oportuno.
A Deputación de Ourense resérvase os dereitos de reprodución, edición e comunicación pública dos traballos presentados, sempre que esta se realice con carácter gratuíto.
As bases poden consultarse na web da Deputación de Ourense.