A Deputación de Ourense convoca as “Axudas a deportistas ourensáns cualificados 2014”, cunha dotación de 25.000 euros
Ata o próximo 2 de xaneiro atópase aberto o prazo de solicitudes da convocatoria de concesión de subvencións por parte da Deputación de Ourense a “Deportistas cualificados”, correspondente a 2014, que poderán solicitar os deportistas de disciplinas individuais que reúnan os requisitos establecidos na indicada convocatoria. As bases foron publicadas no Boletín Oficial da provincia número 276 , do 1 de decembro actual, cunha dotación económica global de 25.000 euros e cunha contía máxima por cada beneficiario de 3.000 euros.
O obxecto destas bases é a regulación da convocatoria pública por parte da Deputación de Ourense para a tramitación mediante convocatoria pública e a través do procedemento de concorrencia competitiva, de subvencións a deportistas ourensáns cualificados en modalidades deportivas individuais, coa finalidade de fomentar a práctica deportiva e incentivar aos deportistas ourensáns cualificados mediante o recoñecemento da súa traxectoria e rendemento deportivo. Na pasada edición beneficiaronse da convocatoria 54 deportistas ourensáns distribuidos en catro grupos en funcións das súa categoría e nivel deportivo. Esta iniciativa da Deputación de Ourense cumpre 26 anos e constitúe unha líña de axudas moi valorada polo deporte ourensán.