A Deputación de Ourense celebrará o primeiro debate sobre o Estado da Provincia
A Deputación de Ourense celebrará o vindeiro 14 de novembro o primeiro debate sobre o Estado da Provincia, unha iniciativa contemplada no Código Ético e de Conduta da institución provincial, que sitúa novamente á deputación na vangarda de proxectos e propostas encamiñadas na liña da transparencia e da comunicación aberta, directa e activa cos cidadáns para que coñezan todo o relativo ao funcionamento, xestión e organización da Deputación de Ourense.
A Xunta de Portavoces do ente provincial validou na súa reunión de hoxe a proposta que realizou o presidente da deputación, Manuel Baltar, de celebrar un debate sobre o Estado da Provincia de Ourense, que finalizará coa achega de propostas de resolución por parte dos tres grupos políticos que conforman o pleno da corporación provincial. O desenvolvemento da sesión estrutúrase da seguinte maneira: exposición inicial do presidente, seguida dunha quenda de réplica por parte dos portavoces de BNG, PSOE e PP, a continuación dúplica do presidente e dos grupos, e remate final coa intervención do presidente.
Esta é a primeira vez que se celebra un Debate sobre o Estado da Provincia nunha deputación de Galicia, e a Deputación de Ourense é unha das primeiras provincias de España en realizalo. A sesión será retransmitida –ao igual que acontece cos plenos ordinarios- a través de Internet para que poida ser seguida por toda a cidadanía dende calquera lugar e localización.