A Deputación de Ourense aprobou 1,2 millóns de euros para servizos sociais e atención á infancia
- O pleno da Corporación Provincial, celebrado onte, aprobou tamén a Ordenanza reguladora de utilización por terceiros das instalacións e centros culturais da Deputación
- A corporación deu luz verde tamén aos programas de cooperación de Empregabilidade e Mocidade, para os que se destinan 1,4 millóns de euros en 2016
- O pleno acordou, asemade, instar ao goberno galego para que realice as xestións para dotar a Ourense dun centro de continuidade que lles dea cobertura ás necesidades das persoas con discapacidade física e intelectual a partir da idade de 21 anos
O pleno da Deputación de Ourense aprobou onte destinar un total de 1,2 millóns de euros en 2016 para servizos sociais e atención á infancia nos concellos da provincia, por medio do programa BenOurense de asistencia económica, técnica e xurídica aos concellos en materia de servizos sociais comunitarios, e para o programa «BenOurense Infancia», para a concesión de subvencións para puntos de atención á primeira infancia e servizos complementarios dependentes de corporacións locais.
O pleno da Corporación Provincial tamén aprobou a Ordenanza reguladora de utilización por terceiros das instalacións e centros culturais da Deputación. A ordenanza ten por obxecto regular o de ditas instalacións, que teñen a condición de bens de dominio e servizo público por parte de cidadáns, agrupacións, asociacións, entidades públicas ou privadas, para a realización de actividades culturais ou sociais, previa autorización administrativa nos termos que se sinalan na presente ordenanza. A finalidade desta norma é establecer unha regulación básica para o correcto funcionamento dos ditos espazos culturais, desenvolvendo os requisitos e condicións para a súa utilización por parte de terceiros.
Asemade, a corporación deu luz verde aos programas de cooperación de Empregabilidade e Mocidade, para os que se destinan un total de 1,4 millóns de euros en 2016. No caso do Programa de Empregabildiade a finalidade é contribuír ao sostemento económico dos servizos de competencia municipal posibilitando a contratación dos recursos humanos necesarios co dito fin; e no que atinxe ao Programa de Mocidade o obxectivo é contribuír ao financiamento das actividades desenvolvidas polos concellos da provincia en prol da mocidade ao longo do exercicio 2016.
O pleno acordou tamén instar ao goberno galego a que, a través da Consellería de Política Social, realice as xestións para dotar a Ourense dun centro de continuidade que lles dea cobertura ás necesidades das persoas con discapacidade física e intelectual a partir da idade de 21 anos, e das súas familias. E tamén, igualmente, a que con carácter de urxencia, e para atender as necesidades inmediatas, en colaboración coa Consellería de Educación, se establezan mecanismos de colaboración para garantir a permanencia no centro de educación especial Miño dos menores que cumpran os 21 anos mentres non se resolva a situación con carácter definitivo.
Acordos do pleno
Os acordos da sesión plenaria de onte foron os seguintes:
APROBACIÓN DEFINITIVA DA MODIFICACIÓN DOS ESTATUTOS DO CONSORCIO LOCAL DOS PEARES
Acordo:
Aprobar definitivamente a modificación dos estatutos do Consorcio Local dos Peares conforme co acordo adoptado polo Consello Xeral do dito Consorcio o 28 de xaneiro de 2016.
APROBACIÓN DA ORDENANZA REGULADORA DA UTILIZACIÓN POR TERCEIROS DAS INSTALACIÓNS E CENTROS CULTURAIS DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE
Acordo:
Aprobar inicialmente a Ordenanza reguladora da utilización por terceiros das instalacións e centros culturais da Deputación Provincial de Ourense.
A presente Ordenanza ten por obxecto a regulación do uso das instalacións e centros culturais de titularidade da Deputación Provincial de Ourense definidos no artigo 2, que teñen a condición de bens de dominio e servizo público, por parte de cidadáns, agrupacións, asociacións, entidades públicas ou privadas, para a realización de actividades culturais ou sociais, previa autorización administrativa nos termos que se sinalan na presente ordenanza.
A finalidade desta norma é polo tanto establecer unha regulación básica para o correcto funcionamento dos ditos espazos culturais, desenvolvendo os requisitos e condicións para a súa utilización por parte de terceiros.
O ámbito de aplicación da presente ordenanza inclúe os seguintes centros de titularidade provincial:
a) Centro Cultural Marcos Valcarcel, o cal consta de:
– Salón de actos
– Salas de exposicións (Hall de acceso, Cero, Un e Dous)
– Aulas de formación (Central, Cruz Vermella e Progreso)
b) Teatro Principal
APROBACIÓN DA DELEGACIÓN NA XUNTA DE GOBERNO DO EXERCICIO DA COMPETENCIA PARA A FIXACIÓN DOS PREZOS PÚBLICOS POR UTILIZACIÓN DE INSTALACIÓNS E CENTROS CULTURAIS DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE
Acordo:
1º.- Delegar na Xunta de Goberno da Deputación o exercicio da competencia para a fixación de prezos públicos por utilización de instalacións e centros culturais da Deputación Provincial de Ourense.
2º.- A presente delegación de competencias terá efectos a partir do día seguinte á entrada en vigor da Ordenanza reguladora da utilización por terceiros das instalacións e centros culturais da Deputación Provincial de Ourense.
3º.- O presente acordo publicarase no BOP para xeral coñecemento.
APROBACIÓN DA MOCIÓN A PROL DUN CENTRO DE CONTINUIDADE PARA NENOS CON DISCAPACIDADE FÍSICA E PSÍQUICA EN OURENSE
Acordo:
1º.- Instar ao goberno galego a que a través da Consellería de Política Social realice as xestións para dotar a Ourense dun centro de continuidade que lles dea cobertura ás necesidades das persoas con discapacidade física e intelectual a partir da idade de 21 anos, e das súas familias.
2º.- Igualmente, a que con carácter de urxencia, e para atender as necesidades inmediatas, en colaboración coa Consellería de Educación, se establezan mecanismos de colaboración para garantir a permanencia no centro de educación especial Miño dos e das menores que cumpran os 21 anos mentres non se resolva a situación con carácter definitivo.
APROBACIÓN DEFINITIVA DO PROGRAMA DE COOPERACIÓN EN MATERIA DE EMPREGABILIDADE PARA O EXERCICIO 2016
1º.- Aprobar definitivamente as bases reguladoras do Programa provincial de cooperación cos concellos en materia de empregabilidade para o exercicio 2016, co seguinte contido:
Constitúe o obxecto das presentes bases a regulación do Programa provincial de cooperación cos concellos en materia de empregabilidade para o exercicio 2016. A finalidade deste Programa é a contribución ao sostemento económico dos servizos de competencia municipal posibilitando, asemade, a contratación dos recursos humanos necesarios co dito fin, tanto a través das figuras contractuais propias da lexislación laboral como a través de contratos administrativos, de ser o caso.
1. Poderán obter subvención no marco do programa regulado nas presentes bases os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes que contraten persoal en réxime de dereito laboral ou subscriban contratos administrativos, típicos ou especiais, con empresarios suxeitos ao réxime de autónomos, para a realización de actividades da súa competencia durante o exercicio 2016.
2. Terán a consideración de gastos subvencionables todos os que, tendo este carácter conforme coa lexislación vixente en materia de subvencións, financien as anteditas contratacións.
A subvención concedida a cada concello poderá acadar a contía máxima de 10.000,00 € e ata o 100% dos custos indisolublemente vinculados aos contratos subvencionados.
Para as subvencións incluídas na presente convocatoria consignarase o crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2016, por importe global máximo de 910.000,00 €.
As solicitudes, subscritas polo alcalde interesado, ou concelleiro no que delegue, irán dirixidas á Presidencia da Deputación Provincial, e poderán presentarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
O prazo de presentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da data de publicación das presentes bases no Boletín Oficial da Provincia. O dito prazo terá carácter improrrogable.
As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:
– Declaración, subscrita polo presidente, de que o concello non se atopa incurso en ningunha prohibición de percibir subvencións públicas conforme co disposto no artigo 13 da Lei xeral de subvencións.
– Declaración do conxunto de axudas ou subvencións públicas solicitadas polo concello ou que lle fosen concedidas para o financiamento dos contratos para os que se solicita subvención.
APROBACIÓN DEFINITIVA DO PROGRAMA DE COOPERACIÓN EN MATERIA DE MOCIDADE PARA O EXERCICIO 2016
Acordo:
1º.- Aprobar definitivamente as bases reguladoras do Programa provincial de cooperación cos concellos en materia de mocidade para o exercicio 2016, co seguinte contido:
Constitúe o obxecto das presentes bases a regulación do Programa provincial de cooperación cos concellos en materia de mocidade para o exercicio 2016. A finalidade deste Programa é a contribución ao financiamento das actividades desenvolvidas polos concellos da provincia en prol da mocidade ao longo do exercicio 2016.
1. Poderán obter subvención no marco do programa regulado nas presentes bases os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes que desenvolvan calquera actividade en prol da mocidade durante o exercicio 2016.
2. Terán a consideración de gastos subvencionables todos os que, tendo este carácter conforme coa lexislación vixente en materia de subvencións, financien as anteditas actuacións.
A subvención concedida a cada concello poderá acadar a contía máxima de 6.000,00 € e ata o 100% dos custos derivados das actividades subvencionadas.
Para as subvencións incluídas na presente convocatoria consignarase o crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2016, por importe global máximo de 546.000,00 €.
As solicitudes, subscritas polo alcalde interesado, ou concelleiro no que delegue, irán dirixidas á Presidencia da Deputación Provincial, e poderán presentarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
O prazo de presentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da data de publicación das presentes bases no Boletín Oficial da Provincia. O dito prazo terá carácter improrrogable.
As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:
– Declaración, subscrita polo presidente, de que o concello non se atopa incurso en ningunha prohibición de percibir subvencións públicas conforme ó disposto no artigo 13 da Lei xeral de subvencións.
– Declaración do conxunto de axudas ou subvencións públicas solicitadas polo concello ou que lle fosen concedidas para o financiamento das actividades para as que se solicita subvención.
APROBACIÓN DO PROGRAMA BENOURENSE DE ASISTENCIA ECONÓMICA, TÉCNICA E XURÍDICA AOS CONCELLOS EN MATERIA DE SERVIZOS SOCIAIS COMUNITARIOS PARA O EXERCICIO 2016
Acordo:
1º) Desestimar a reclamación formulada polos concellos de Petín, A Rúa e Vilamartín de Valdeorras en relación co Programa BenOurense 2016, por referirse á inclusión no programa dun servizo intermunicipal inexistente ao día da data; sen prexuízo de manifestar a disposición da Deputación a estudar a posible inclusión futura dun servizo intermunicipal prestado por unha agrupación de municipios sen personalidade xurídica, previa a avaliación, por parte da Área de Benestar, do correspondente proxecto presentado polos concellos.
2º) Aprobar definitivamente o Programa Provincial de Asistencia Económica, Técnica e Xurídica aos Concellos en materia de Servizos Sociais Comunitarios para o exercicio 2016, conforme ao texto sometido a información pública no BOP de 10 de febreiro de 2016.
APROBACIÓN DO PROGRAMA BENOURENSE INFANCIA PARA CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA PUNTOS DE ATENCIÓN Á PRIMEIRA INFANCIA E SERVIZOS COMPLEMENTARIOS DEPENDENTES DE CORPORACIÓNS LOCAIS PARA O EXERCICIO 2016
Acordo:
– Aprobar o Programa Benourense Infancia para concesión de subvencións para puntos de atención á primeira infancia e servizos complementarios dependentes de corporacións locais para o exercicio 2016 conforme coas bases publicadas no Boletín Oficial da Provincia do 10 de febreiro de 2016.
APROBACIÓN DO CAMBIO DE DATA DA SESIÓN ORDINARIA DO MES DE MARZO DE 2016
Acordo:
– Fixar a data de celebración do Pleno ordinario do mes de marzo, do seguinte xeito:
. Pleno ordinario: día 31 de marzo, xoves, ás 10.00 horas.