A Deputación de Ourense apoia o proxecto “Fórmula Student” da Universidade de Vigo
A institución provincial colaborará nesta iniciativa de innovación, tecnoloxía e creatividade aplicada a monoprazas de altas prestacións.
Manuel Baltar recibiu hoxe no Pazo Provincial aos representantes dos alumnos da Escola de Enxeñeiros Industriais que integran o equipo UVigo Motorsport.
Ourense, 10 de marzo de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial aos representantes dos alumnos da Escola de Enxeñeiros Industriais que integran o equipo UVigo Motorsport e comprometeu o apoio da institución provincial no proxecto que desenvolven, referido ao deseño e construción de monoprazas de altas prestacións que compiten en circuítos europeos na “Fórmula Student”.
O presidente do goberno provincial destacou “a importancia do proxecto polo que supón de innovación, tecnoloxía e creatividade, nun ámbito que xunta deporte, internacionalización, xuventude e universidade, valores e elementos que apoia a Deputación de Ourense”, explicou Manuel Baltar.
O equipo de estudantes de enxeñería da Universidade de Vigo que integran o UVigo Motorsport rematou xa o deseño do monopraza co que pretenden representar este ano á Universidade de Vigo e a Galicia nas probas da “Fórmula Student” que terán lugar en Silverston (UK), Hockenheim (Alemaña) e Montmeló (España), segundo explicaron hoxe ao presidente Josué Nanín, líder do proxecto, e os membros do equipo Gonzalo Ferreiro e Marcos Fernández. O proxecto liderado por este equipo busca a implantación dun modelo de equipo no que se integren cada ano alumnos de diferentes cursos de Enxeñería Industrial e doutros centros pertencentes á Universidade de Vigo para desenvolver un labor de mellora continua e transferencia de coñecemento, como xa fan equipos doutras dez universidades españolas.
Na actualidade UVigo Motorsport está integrado por 14 estudantes de Enxeñería Industrial das ramas de electrónica, automática, mecánica e organización industrial, con experiencia en competicións deportivas, xunto con tres enxeñeiros –ex alumnos da Escola de Enxeñería Industrial de Vigo- que traballan no Reino Unido en empresas dedicadas ao automobilismo de altas prestacións.
Logo de rematar o deseño do prototipo en decembro de 2014 o equipo atópase na actualidade na fase de construción do monopraza, a cal prevé finalizar no vindeiro mes de abril, e comezar as probas para as tres competicións nas que ten previsto participar.
A “Fórmula Student” é a competición interuniversitaria de carácter automobilístico máis importante de Europa. Baséase nun proxecto formativo iniciado no Reino Unido en 1998, no que máis de cen universidade de todo o mundo danse cita anualmente en cada un dos circuítos europeos que acollen este evento. Elo supón aceptar o reto de deseñar e construír un monopraza de altas prestacións para superar as diferentes probas estáticas e dinámicas que poñan de manifesto a adquisición de coñecementos técnicos e a capacidade innovadora de cada equipo.
A iniciativa está apoiada polos principais expoñentes da industria automobilística e por enxeñeiros de renome como Ross Brawn. A competición busca inspirar e desenvolver as aptitudes emprendedoras e innovadoras dos xóvenes e futuros enxeñeiros.