A Deputación de Ourense achegará en 2015 á Fundación Carlos Casares 30.000 € para difundir a figura do escritor ourensán

xuntanza.padroado.carlos.casares.03

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou esta tarde na xuntanza do Padroado da Fundación Carlos Casares, celebrada no Liceo de Ourense, na que se deu conta do programa de actividades para o ano 2015 así como do orzamento para o vindeiro exercicio. O presidente do goberno provincial anunciou a sinatura do convenio que a Deputación de Ourense e a Fundación asinarán para o ano 2015, no marco do cal a institución provincial achegará un total de 30.000 euros para o desenvolvemento de actividades da fundación, tal e como acordaran na reunión que semanas atrás celebraran no Pazo Provincial Manuel Baltar co presidente da fundación, Xabier Casares, e cos membros desta entidade Hakan Casares –fillo do escritor- e Gustavo Garrido.

Daquela acordouse que a Deputación de Ourense levará a cabo accións de apoio institucional e culturais para difundir e promover a figura do escritor e intelectual ourensán Carlos Casares. En concreto, Baltar confirmou por parte da Deputación de Ourense “a súa máxima implicación co Padroado da Fundación Carlos Casares para colaborar na realización dos obxectivos da mesma, un deles será o vindeiro ano a realización da primeira exposición que amosará a novidosa faceta do “Carlos Casares fotógrafo”, un perfil do escritor até o de agora descoñecido e que poderá verse por primeira vez en Ourense para que o público descubra a creatividade de Casares a través da imaxe fotográfica.

Esta mañá Manuel Baltar tamén participou xunto a Xabier Casares e o editor Beito Ledo no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense na presentación da primeira biografía do escritor Carlos Casares, obra de Denis Vicente e publicada pola editorial Ir Indo dentro da colección “Galegos na Historia”. No acto Baltar destacou a colaboración da institución provincial coa Fundación Carlos Casares porque, dixo, “representa a posta en valor dun referente da ourensanía e dun dos grandes escritores da literatura galega, que soubo conectar directamente coas sensacións e o sentimento”, e salientou que Casares “merece unha homenaxe permanente polo seu compromiso coa nosa terra, coa nosa lingua e coa nosa cultura, e todos temos a obriga de seguir difundindo a súa obra”.

También te podría gustar...