A Deputación de Ourense achega 130.000 € para actividades e eventos deportivos
A Deputación de Ourense achega este ano un total de 130.000 euros para a realización de actividades deportivas e organización de eventos deportivos, segundo a convocatoria de 2015 aprobada pola Xunta de Goberno da institución provincial.
En concreto, no que atinxe ás actividades físico-deportivas aprobouse a convocatoria para a concesión de “subvencións a concellos e mancomunidades de municipios da provincia de Ourense“, mediante convocatoria pública e a través do procedemento de concorrencia competitiva, coa finalidade de financiar actividades e programas deportivos no ano 2015, cunha dotación económica de 60.000 euros para eventos deportivos e programas deportivo recreativos.
Enténdense por “eventos deportivos” as actividades con carácter específico e puntual que comporten a realización de actividades físicas, semellantes ás deportivas, que se correspondan con hábitos de vida saudables, tales como: andainas e carreiras populares, torneos e campionatos de interese popular, xornadas e diadas deportivas, ou marchas e rutas en bicicleta, a cabalo, en piragua, ou similares.
Os programas deportivo-recreativos son actividades planificadas, realizadas de maneira regular durante un período de tempo específico, que se deben corresponder coa tempada deportiva coincidente co exercicio económico para o que está designada esta convocatoria, e que estean destinadas á poboación en xeral. Son obxecto desta subvención actividades como ximnasia de mantemento, aerobic, tai-chi, ioga, pilates, cachibol e xogos populares e tradicionais, etcétera. Tamén se contemplan achegas para programas destinados á promoción ou divulgación dunha especialidade deportiva mediante a súa práctica (escolas deportivas, cursos de iniciación ao deporte e psicomotricidade). As solicitudes para estes programas poderán incluír varias actividades, por exemplo: Programa de Escolas Deportivas: Baloncesto, balonmán ou fútbol-sala, así como un “Programa de actividade física para adultos” no que se inclúe Aerobic, Taichi e ximnasia de mantemento.
Poderán ser beneficiarios deste programa os concellos ourensáns de menos de 20.000 habitantes e as mancomunidades de municipios da provincia de Ourense. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia.
Eventos deportivos
Polo que atinxe aos eventos deportivos, a achega aprobada pola Deputación de Ourense ascende a 70.000 euros, que irán destinados a actividades físico-deportivas de carácter específico e puntual, que impliquen a práctica de disciplinas deportivas recoñecidas polas federacións deportivas, ou actividades físicas semellantes, ben sexa con carácter competitivo ou con carácter non competitivo, tales como xornadas deportivas, campionatos e torneos, carreiras, andainas e rutas de sendeirismo, marchas ou rutas cicloturistas, rutas en piragua, rutas e carreiras a cabalo.
Poderán ser beneficiarios da convocatoria aquelas entidades deportivas e outras entidades sen ánimo de lucro con enderezo social na provincia de Ourense, que contemplen nos seus estatutos, como obxecto social, entre outros, a promoción e difusión do deporte na nosa provincia. No caso de eventos propostos por estruturas federativas, a solicitude poderá proceder da federación galega da modalidade respectiva.
O prazo de presentación de solicitudes tamén será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia.