A Deputación colaborará con Expourense para actividades de promoción económica e termal aportando 50.000 euros
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente en funcións do comité executivo de Expourense e da Cámara de Comercio de Ourense, Juan Carlos Parada, asinaron hoxe un convenio de colaboración entre ámbalas dúas entidades para levar a cabo actividades de promoción e difusión en favor de iniciativas económicas, sociais, termais e turísticas relacionadas coa provincia de Ourense. O acto, no que estiveron acompañados polo director xerente de Expourense, Alejandro Rubín, tivo lugar no recinto feiral de Expourense.
O acordo de colaboración contempla que a Deputación de Ourense achegará á Expourense un total de 50.000 euros para colaborar no desenvolvemento dos seguintes eventos: Foro da Comunicación (10.000 € en 2014 e 2015), o Concurso de Proxectos Tecnolóxicos (3.000 € en 2014 e 2015), Vinis Terrae (20.000 € en 2015), Nortrans (7.000 € en 2015), e Termatalia (10.000 € en 2015) ata decembro de 2015, mentres, pola súa banda, Expourense facilitará á institución provincial o uso das súas instalacións, de acordo coa súa dispoñibilidade e o calendario de feiras e eventos da fundación, e cederá espazo para o stand institucional do Inorde en todas as feiras que se celebren durante o período de vixencia do presente acordo.
Manuel Baltar anunciou que entre as propostas de resolución que o grupo de goberno da Deputación de Ourense levará ao pleno sobre o Estado da Provincia, que se celebra o vindeiro 14 de novembro, está a de que a Deputación volva formar parte con carácter permanente da Fundación Feiras e Exposicións de Ourense. «Expourense coa Deputación é outro Expourense, e ámbalas dúas institucións defendemos o interese común da provincia de Ourense, de aí a necesidade de seguir coa máxima eficacia na nosa colaboración, porque só cunha axenda institucional forte e comprometida acadaremos o obxectivo ambicioso que todos nos fixamos que non é outro que o mellor para a nosa provincia de Ourense».
Tanto Juan Carlos Parada como Alejandro Rubín agradeceron a sensibilidade do presidente Manuel Baltar para que a Deputación de Ourense colabore cos proxectos que leva a cabo Expourense –que desenvolve anualmente dez grandes eventos xunto con outras actividades-, «e o convenio que hoxe asinamos axudaranos a seguir promocionándonos tanto nacional como internacionalmente», explicou Juan Carlos Parada.
Trala sinatura do acordo, Manuel Baltar percorreu as instalacións do recinto feiral acompañado por Juan Carlos Parada e por Alejandro Rubín, así como polo equipo directivo e de xestión para coñecer o programa do calendario feiral e o funcionamento dos diferentes departamentos de Expourense.