A Deputación celebra un pleno xuvenil cos alumnos de IES Cosme López Rodríguez da Rúa
A Deputación celebra un pleno xuvenil cos alumnos de IES Cosme López Rodríguez da Rúa, dentro das actividades da 2ª Semana Escolar da Provincia.
A Deputación de Ourense celebrou hoxe un “pleno xuvenil”, dentro das actividades programadas na 2ª Semana Escolar da Provincia, organizadas pola institución provincial para conmemorar o aniversario da existencia da división do Estado español nas actuais provincias. Na sesión plenaria participaron, xunto co presidente da institución provincial, Manuel Baltar, 40 alumnos de Secundaria do IES Cosme López Rodríguez da Rúa, quen visitaron na xornada de hoxe, ademais da sede do goberno provincial, o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” e a zona vella da capital así como a Catedral de Ourense.
Na sesión plenaria, os temas que máis interese suscitaron entre os xóvenes estudantes e sobre os que preguntaron ao presidente provincial foron os relativos á educación, o funcionamento e a historia da Deputación de Ourense; temas de actualidade como o da corrupción e mesmo referidos á política, para coñecer o sistema de elección dos deputados provinciais, sen esquecer os asuntos locais que atinxen ás actuacións da Deputación no Concello da Rúa, municipio ao que pertencen os estudantes que hoxe protagonizaron o “pleno provincial”.
Os alumnos foron obsequiados cun libro que recolle a historia provincial e cun pin coa bandeira de Ourense. Manuel Baltar agradeceulles a súa visita a estudantes e profesores e destacou a importancia da institución provincial “como prestadora de servizos para os 92 concellos da provincia”. Sobre a iniciativa da “2ª Semana Escolar da Provincia e a súa Deputación”, Baltar dixo que afonda nos contidos “dende unha perspectiva didáctica, tendo á transparencia e a divulgación como eixos dunha forma de entender o goberno da provincia moderna”.