A D.O. Valdeorras presente en Alimentaria 2016

  • Intensificar as accións de promoción dos viños da comarca é un dos obxectivos do novo presidente da D.O., Francisco García Álvarez
  • Están presentes na feira de Barcelona un total de oito bodegas e dúas cooperativas de Valdeorras

25042016 conselleira

 

A Denominación de Orixe Valdeorras participa estes días, a través dun stand propio, no prestixioso Salón Internacional de Alimentación e Bebidas, Alimentaria 2016, que se celebra na cidade de Barcelona ata o vindeiro 28 de abril. O novo presidente da D.O. Valdeorras, Francisco García Álvarez, encabeza a representación institucional do sector vitivinícola da comarca en Alimentaria.

Participan ademais, nesta feira, cinco bodegas con espazo expositor propio. Trátase de Bodega Santa Marta, Bodega Joaquín Rebolledo, Bodega Virxe de Galir, Adega A Coroa e Bodega Cooperativa Jesús Nazareno. Paralelamente, no propio stand da D.O teñen presenza Bodega Guitián y Blanco, Bodega A Tapada e Bodega Cooperativa Virxe das Viñas. Estas bodegas presentarán ao numeroso público visitante, aos prescritores e aos medios de comunicación especializados diversas referencias de brancos e tintos da comarca.

Xunto a isto, dentro das accións que a Consellería do Medio Rural está a levar a cabo en Alimentaria 2016 destaca a posta en marcha dun túnel do viño no que se van a exhibir diversas referencias da D.O Valdeorras, en concreto trátase de viños de Godeval, Bodega Eladio Santalla Paradelo e Adega A Coroa. Finalmente, dentro da iniciativa Galicia en cata promocionaranse marcas das bodegas Guitián y Blanco, Joaquín Rebolledo, Virxe de Galir (Pagos de Galir) e A Coroa.

En opinión do presidente da Denominación de Orixe, a participación nesta feira “é moi relevante” posto que permite que “os viños de Valdeorras sexan exhibidos no contexto dun dos salóns de referencia, dentro do ámbito europeo, no eido da alimentación”. Neste sentido, considera que presentar os viños da zona ante prescritores, medios, cadeas e centrais de compras e distribuidores axudará tamén a “achegar o viño aos consumidores finais”. Este é, precisamente, un dos retos da Presidencia de Francisco García, que vai facer especial fincapé “nas accións de promoción exterior dos viños” da comarca.

Sobre Alimentaria

O Salón Internacional de Alimentación e Bebidas, Alimentaria, é unha feira sectorial de carácter bienal que se celebra no recinto feiral (FIRA) de Barcelona. Este ano acada a súa 21ª edición, con máis de 95.000 metros cadrados de exposición e convertida nun referente dentro do sector alimentario. Este salón singularízase, ademais, por contar cun formato exclusivo para profesionais. Hai dous anos, na última edición de Alimentaria, o salón acadou a cifra de máis de 140.000 visitantes.

 

 

 

 

También te podría gustar...