A D.O. Valdeorras na pretixiosa London Wine Fair

  • A de Valdeorras é unha das 25 Denominacións de Orixe vinícolas de España que participan na London Wine Fair
  • Un total de dez bodegas da comarca teñen presenza dentro do stand que Valdeorras desprega na pretixiosa feira sectorial da capital británica

London Wine Fair

 

A Denominación de Orixe Valdeorras participa ata o vindeiro xoves, cun stand propio no Pavillón España, na London Wine Fair, un dos foros máis relevantes do eido do viño dentro ámbito europeo. Grazas á colaboración do ICEX, a de Valdeorras é unhas 25 denominacións de orixe vinícolas españolas que participan nesta feira da capital británica.

Trátase da primeira visita á London Wine Fair que Francisco García Álvarez realiza como presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras. Entre os obxectivos da participación da denominación nesta relevante feira, García Álvarez sinala o de “abrir novas posibilidades de exportación para os brancos e tintos da zona” e tamén “favorecer a súa visibilidade”. Precisamente, a intensificación das accións de promoción dos viños de Valdeorras é un dos retos da Presidencia de Francisco García Álvarez.

Dentro do stand de Valdeorras, dez bodegas con presenza na zona darán a coñecer as súas referencias. Trátase de Roandi, Melillas, Valdesil, Guitián y Blanco, Joaquín Rebolledo, Eladio Santalla, Santa Marta, A Coroa, Carballal e Viña Costeira.

Sobre London Wine Fair

A 36ª edición da London Wine Fair celébrase ata o vindeiro xoves na capital británica. É unha feira centrada no sector do viño, fundamentalmente, aínda que tamén se dá cabida á exposición doutras bebidas espiritousas e está dirixida, en exclusiva, ao público profesional do Reino Unido. Trátase dun evento clave para dar a coñecer os produtos vinícolas entre distribuidores, maioristas, importadores de bebidas e compradores clave do canal detallista e do canal Horeca (restauradores, sumilleres, propietarios de pubs ou bares e hoteleiros). A esta feira acode, ademais, a meirande parte da prensa especializada no sector vitivinícola de Gran Bretaña.

 

 

 

También te podría gustar...