A Copa do Rei no ‘Marcos Valcárcel’
A Copa do Rei de Baloncesto 2016 visita Ourense polo que hoxe estará exposta no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense. A visita oficial tivo lugar esta mañá onde estivo presente o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; o director do Centro Cultural, Francisco González; xunto con outras autoridades da provincia, así como os patrocinadores de Caixabank e membros do COB.
Rosendo Fernández destacou durante a visita que «é unha honra para a Deputación de Ourense ter aquí esta Copa para o goce de todos os ourensáns para que veñan a velo», e engadiu, «o baloncesto é e será sempre grande en Ourense, grazas aos xogadores, á directiva e, sobre todo, á afección».
A Copa do Rei de Baloncesto está a visitar distintos lugares polo que o presidente do COB, Antonio Gavilanes, asegurou que con esta iniciativa «dáse a coñecer un trofeo importante con calado nacional e internacional». Dende Caixabank, afirmaron que apoiaron a idea de «traer a Copa a Ourense, unha cidade de baloncesto».
Todos aqueles afeccionados que queiran visitar o trofeo e fotografarse con el, poderán facelo ao longo do día de hoxe en horario ao público de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas. Este ano, a Copa do Rei de Baloncesto disputarase na cidade da Coruña, entre os días 18 e 21 de febreiro.