A Conselleria de Medio Rural destinará na provincia de Ourense 1,2 millóns de euros en actuacións en materia de concentración parcelaria
- Este ano hai en marcha 19 procesos que afectan a 11 concellos da provincia
- O delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, destacou o compromiso do Goberno galego no impulso do sector agrario con este tipo de proxectos
A Consellería de Medio Rural e do Mar mobilizará este ano na provincia de Ourense preto de 1,2 millóns de euros en actuacións en materia de concentración parcelaria, que servirán para impulsar o sector agrario.
O obxectivo é mellorar e modernizar as explotacións agrícolas, crear e mellorar as vías de comunicación e de acceso a novas fincas, axudar a prever os incendios forestais e aumentar o valor da base territorial.
O máximo representante da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, explica que os investimentos previstos nesta partida refírense a 19 procesos de concentración parcelaria que se están a desenvolver en 11 concellos da provincia ourensá: Verín, Porqueira, Melón, Cartelle, Verea, Vilardevós, Castro Caldelas, Xunqueira de Ambía, Calvos de Randín, Monterrei e Vilar de Barrio. Martínez matiza que “hai que ter en conta que, como tales previsións, están suxeitas tanto ás dispoñibilidades orzamentarias como ás propias limitacións que xurdan do procedemento administrativo en cada unhas das zonas afectadas”.
A concentración parcelaria que se está a levar a cabo na parroquia de Castelaus, no municipio de Calvos de Randín, é a actuación que acapara un maior investimento cifrado en preto de 420.000 euros, que se destinará ao acondicionamento da rede de camiños e a actuacións destinadas á protección paisaxística.
A maior parte dos procesos de concentración parcelaria atópanse na fase de replanteo de novos predios.