A Consellería de Cultura e Educación investiu máis de 36.000 euros en material no IES O Ribeiro (Ribadavia)
A Consellería de Cultura e Educación investiu máis de 36.000 euros en material para mellorar o equipamento do ciclo de grao medio en aceites de oliva e viños no IES O Ribeiro (Ribadavia).
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o IES O Ribeiro (Ribadavia) para comprobar o aproveitamento que se está a facer nas aulas do material adquirido polo seu departamento para mellorar o equipamento do ciclo de grao medio en Aceites de oliva e viños, que supuxo un investimento de máis de 36.000 euros do que se poden beneficiar xa os 31 estudantes que cursan este ciclo. Neste sentido o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia anunciou tamén que se está a estudar a posibilidade de implantar neste centro o ciclo de grao superior en Vitivinicultura, “de tal xeito que se complete a oferta de FP no relacionado ao sector vitivinícola, de tanta importancia na comarca do Ribeiro”.
A adquisición deste material – cubas, bombas de vendima, e diverso material de laboratorio- únese ás melloras realizadas e á implantación de programas educativos como o Abalar no centro, “co que o investimento total da Consellería no IES do Ribeiro desde o 2009 ascende a preto de 345.000 euros”, salientou Vázquez Abad. Ao abeiro destas obras realizáronse reparacións no peche do recinto, na cuberta, na carpintería exterior e interior, na sala de caldeiras, e no sistema de electricidade e de calefacción do centro. Así mesmo instalouse unha rampla exterior e adaptáronse espazos nas aulas, especialmente para mellorar a oferta de FP coa implantación do ciclo de Aceites de oliva e viños no 2012. Cómpre lembrar, neste sentido, que a Consellería vén colaborando con Vitivinícola do Ribeiro S.C.G. para que o alumnado da familia profesional de Industrias Alimentarias – entre eles os do devandito ciclo- da comarca teña a posibilidade de completar a súa formación nas instalacións desta empresa.
Durante a súa visita ao centro o conselleiro estivo acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; polo director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira; e pola xefa territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego.