A Consellería de Cultura e Educación destina 450.000 euros á ampliación do IES O Ribeiro de Ribadavia
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará preto de 450.000 euros á ampliación do IES o Ribeiro, situado no concello ourensán de Ribadavia. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres a resolución, que se pode consultar no enderezo web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150522/AnuncioG0164-190515-0002_gl.html, pola que se anuncia a licitación da contratación da obra.
En concreto, as intervencións levaranse a cabo na planta baixa dos dous edificios existentes. Na ala noroeste do edificio principal (edificio 1) están situadas actualmente a
aula de informática, ademais da cafetería e a aula de audiovisuais, que se trasladarán ao edificio 2. Desta forma, nesta ala pasarán a localizarse cinco aulas novas de aproximadamente 45 metros cadrados útiles e ampliarase en dimensións a de informática.
Pola súa parte, no edificio 2 pecharase o soportal exterior cuberto da planta baixa para situar a cafetería e a zona de servizos da mesma, composta por cociña, almacén e un aseo. Por outra banda, crearase unha zona de aseos, así como unha aula de audiovisuais e dous seminarios. Exteriormente, farase unha novo espazo cuberto, anexado á fachada sur do edificio.
As obras darán comezo no verán para non interferir na actividade docente e cofinanciaranse a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013.