A Consellería de Cultura e Educación asiste no Teatro Principal de Ourense a estrea do espectáculo do CDG ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’
A Consellería de Cultura e Educación asiste no Teatro Principal de Ourense a estrea do espectáculo do CDG ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’.
O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estreou esta tarde en Ourense o seu espectáculo ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’, que completou a capacidade do Teatro Principal nunha función especial á que asistiron tamén numerosos nenos e nenas. O conselleiro Xesús Vázquez Abad acompañou o equipo da compañía pública no pase inaugural desta montaxe de teatro e música para toda a familia, realizada a partir da obra homónima de Carlos Casares.
Xunto con Vázquez Abad e en representación da Consellería de Cultura e Educación, asistiron así mesmo o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño. O espectáculo, co que o CDG abre a súa temporada 2014-15, congregou ademais destacados representantes do ámbito institucional e cultural da cidade das Burgas.
Baixo a dirección escénica do luso-brasileiro José Caldas e a musical do galego Bernardo Martínez, esta proposta achégalles aos espectadores unha nova ollada sobre a obra de Casares, así como sobre o espectáculo que os devanditos directores deseñaron en 2004 para o CDG e que supuxo a primeira incursión da compañía institucional galega no teatro para público infantil.
A montaxe de 2014 conta cun novo elenco de seis actores e actrices multifacéticos (Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde), que coas súas achegas interpretativas e musicais contribúen tamén a enriquecer esta recreación da historia escrita por Carlos Casares e que o propio autor describiu como “un disparate continuo de movemento e fantasía”.
O espectáculo ideado por Caldas reúne nun só acto todas as expresión artísticas, con elementos que van dende a traxedia grega ao teatro popular de rúa de Brasil e Portugal, pasando pola Comedia da Arte e ofrecendo tamén unha homenaxe ao mundo do circo.
Ao tempo, mantense fiel a toda a obra infantil de Casares e mesmo integra de xeito harmonioso o conto ‘A galiña azul’, ademais doutros textos do escritor ourensán que se empregan nas letras das cancións compostas por Bernardo Martínez. Todos estes elementos contribúen a crear o mundo máxico, colorista e absurdo que habitan Anxa e Elías, xunto á Veciña Sabida, a Veciña Desdentada, o Veciño Gordo e o Veciño da Escopeta, e no que teñen lugar unha serie de disparatados acontecementos que dan comezo cando no limoeiro da horta dos protagonistas aparecen unhas enormes laranxas.