A Consellería de Cultura e Educación adxudicará en febreiro as obras de recuperación de pontes históricas como a do Barco e Vilamartín

Proyecto Puente Entoma

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten en licitación obras por importe de 171.887,89 euros para a recuperación das pontes de Couso (Avión), Éntoma (O Barco de Valdeorras), e da Portela (Vilamartín de Valdeorras). As obras, que estarán adxudicadas no mes de febreiro, están cofinanciadas nun 80 por cento polo fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

No caso da Ponte de Couso, cun orzamento de 79.225 euros, as actuación irán dirixidas ao reforzo na fábrica que aínda está en pé. Ademais a parte derrubada repoñerase con materiais orixinais recuperados do leito do río.

O orzamento na Ponte de Éntoma, é duns 72.400 euros, cos que se está previsto realizar os pertinentes traballos de roza e limpeza de vexetación que dana a fábrica da ponte, así como o retacado, ripiado e rexuntado con morteiro de cal hidráulica da cachotaría, a execución de novos peitorís en mampostería de lousa. Así mesmo, demoleranse os pavimentos de formigón existentes e realizaranse uns novos de esquisto de catou ou chapacuña.

Por último, en Vilamartín de Valdeorras a Consellería procederá a rehabilitar a Ponte da Portela, á que se destinarán 20.300 euros. O obxecto destas obras é repoñer as partes desaparecidas da ponte que poden afectar á súa seguridade de uso e mellorar as condicións de acceso viario. Para iso desenvolveranse labores, fundamentalmente, de roza, limpeza, desmonte, rasanteo e perfilado do terreo afectado. Ademais construirase unha protección para o estribo cun muro de escolleira e reconstruiranse os peitorís.

Todos estes traballos reforzan a aposta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por manter o patrimonio histórico de Galicia, como é o caso destas pontes que agora serán obxecto dunha intervención específica.

También te podría gustar...