A Consellería de Benestar adica 630.000 euros a 26 entidades de inclusión da provincia de Ourense
Un total de 26 entidades de inclusión social da provincia de Ourense benefícianse este ano da orde de axudas da Consellería de Traballo e Benestar destinada a este colectivo. Esta convocatoria supón o investimento neste exercicio de 630.000 euros na provincia, un 10 por cento máis que o ano anterior. Ademais, unha gran parte das entidades están a percibir unha contía maior que en 2013.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou hoxe a fundación Juan Soñador, coa que o departamento autonómico ten colaborado con máis de 750.000 euros nos últimos seis anos e que este ano recibirá máis de 92.000 euros. Lembrou que a orde de axudas para entidades de inclusión incrementouse este ano para toda Galicia ata acadar os 3,7 millóns de euros e en 2015 acadará os 4 millóns, o que supón un incremento do 37% nos últimos tres anos.
Dito esforzo permitiu incrementar o número de entidades con axuda ata as 117 en toda Galicia, un 11,4% máis que en 2013, ademais de que a maior parte das entidades perciben unha contía maior. En total, financiaranse 321 actividades.
Beatriz Mato destacou o labor social que leva a cabo Juan Soñador a través de programas como o ‘Teranga’ atende en Ourense a 270 persoas cada mes.
A titular de Benestar engadiu que, ano tras ano, auméntase a partida destinada á inclusión. O orzamento das partidas destinadas á inclusión é de 70 millóns de euros, un 17,7% máis que en 2014. Ademais, increméntase a RISGA en 8 millóns de euros, un 20% máis que o orzamento inicial que este ano e blíndanse as axudas de integración social, con 4,5 millóns de euros.